Ensino

Atrasos "sistemáticos" no pago de trienios e sexenios a docentes da Consellaría de Educación

Estudantes nunha aula. (Foto: Nós Diario)

Denúnciao CIG-Ensino, que indica que algúns atrasos chegan a seis meses.

A CIG-Ensino denuncia atrasos sistemáticos no pago de trienios e sexenios do persoal docente da Consellaría de Educación. Nalgúns casos o atraso na actualización destes pagos supera os seis meses.

O sindicato denuncia que os atrasos na actualización dos trienios e sexenios leva consigo que non fagan efectivos os pagos que corresponde ao persoal funcionario ou interino até pasados máis de seis meses da data de perfeccionamento.

A regularización dos trienios depende só da antigüidade como persoal docente  -tres anos-, mentres que para os sexenios ten que cumprirse o requisito de 100 horas de formación no período de seis anos, mais o pagamento faise igualmente de oficio.

Ambos os dous pagamentos afectan por igual a funcionariado de carreira e profesorado interino, logo das sentenzas gañadas pola CIG-Ensino polas que se atendeu a demanda do sindicato de que non se discriminase o persoal temporal.

“Esiximos á Consellaría de Educación que tome as medidas necesarias para que se regularice o pago dos atrasos indebidos de trienios e sexenios”, indica a central nacionalista, amioritaria no ensino público.

Este sindicato reclamaba esta semana a cobertura total das baixas nos centros educativos e exixiu á Consellería de Educación que "pare de inmediato" co borrado sistemático das baixas solicitadas polos centros educativos.

Nun comunicado remitido aos medios, a central sindical asegurou que "día tras día" a Consellaría "borra baixas" subidas polos centros de ensino, e así o denuncian profesoras e profesores nas redes sociais, que aseguran que as baixas solicitadas “desaparecen do sistema”.