Atracan a punta de pistola unha administración de lotaría de Lugo

O atraco produciuse no estabelecemento da rúa Lamas de Prado. (Foto: Europa Press)
Os asaltantes lograron escapar e levaron un botín de arredor de 400.000 euros.

Dous encapuchados asaltaron a punta de pistola á primeira hora da mañá desta quinta feira unha céntrica administración de lotaría en Lugo da que levaron un botín duns 400.000 euros. O atraco produciuse ao fío das 8.30 horas, cando o propietario da Administración de Lotaría número 10 da cidade, situado na rúa Lamas de Prado, abría o negocio, segundo relatou aos medios de comuniación el mesmo.

Nese momento, dúas persoas que levaban o rostro cuberto ameazárono coa pistola e obrigárono a levalos ante as dúas caixas fortes do estabelecemento para que lles entregase o que había o seu interior. O asalto durou uns oito minutos, nos que tiveron que esperar a que o sistema das caixas de seguridade permitise acceder ao seu contido, xa que contan cun mecanismo de retardo.

O botín co que lograron escapar os atracadores ascende a uns 400.000 euros, segundo os cálculos do loteiro, que afirma que os asaltantes "tiñan acento latino" e que lle trasladaron que non querían facerlle dano, só levar o diñeiro.

Ademais dos miles de euros subtraídos, que corresponden á recuadación das últimas semanas, as de maior volume de negocio do ano para as administracións de lotarías polos sorteos de Nadal e do Neno, tamén escaparon con varios cheques.