Vigo

Así era o 'modus operandi' dos atracadores que roubaron máis de 100.000 euros dunha oficina de Abanca

Varias das pertenzas incautadas polas autoridades. (Foto: Policía Nacional)
A Policía aínda busca outros dous individuos por un novo atraco, esta terza feira, a unha sucursal de Abanca. Levaron 3.000 euros e varios teléfonos móbiles.

Os dous homes detidos a pasada sexta feira en Vigo cando acababan de atracar unha sucursal de Abanca na Avenida de Ricardo Mella, na parroquia olívica de Coruxo, lograran un botín de máis de 100.000 euros, que foi recuperado de inmediato ao seren interceptados cando fuxían da oficina bancaria. Segundo precisou esta cuarta feira a Policía Nacional, a investigación iniciouse no ano 2021 por mor doutro atraco cometido na cidade, no que dous individuos entraron nunha sucursal coa cara cuberta, armados cunha pistola e un coitelo.

O modus operandi foi semellante ao do atraco da pasada semana: os ladróns aproveitan a hora de feche para entrar na oficina bancaria e inmobilizan empregados e clientes con bridas de plástico. Os axentes xa tiñan no punto de mira dous sospeitosos, ambos con antecedentes, especializados en atracos a sucursais. A mañá da pasada sexta feira estabeleceuse un dispositivo de vixilancia ao redor desas dúas persoas e, no momento en que o 092 recibiu o sinal do atraco, activáronse todos os protocolos.

Mentres os ladróns estaban dentro da oficina bancaria, diferentes axentes foron tomando posicións nos arredores e, ao fío das 14.20 horas, observaron como os dous individuos abandonaban a entidade ocultando o seu rostro cunhas medias e lentes, e portando unha mochila co botín. Nese momento, varios policías déronlles o alto e iniciouse unha persecución que acabou coa detención de ambos. Os axentes tamén localizaron, estacionado a uns 400 metros, o coche dun dos sospeitosos.

A Policía puido recuperar o diñeiro subtraído, máis de 100.000 euros, e os detidos foron postos ao dispor do xulgado, que decretou o seu ingreso en prisión provisional esta segunda feira, alegando risco de fuga e reiteración delituosa. Mentres, seguen as pescudas para confirmar que estes dous individuos están detrás doutros atracos cometidos en Vigo con similar procedemento.

Por outra parte, a Policía Nacional de Vigo segue a buscar outros dous individuos que atracaron outra sucursal de Abanca da rúa Ramón Nieto sobre as 14 horas desta mesma terza feira. Os ladróns levaron uns 3.000 euros e varios teléfonos móbiles.