Atopan sen vida o piloto da avioneta estrelada a pasada cuarta feira no concello de Porto, perto de Zamora

Restos da avioneta estrelada en Porto, (Zamora). (Foto: 112)
Os efectivos de busca avistaron a aeronave nunha zona 'inaccesíbel'.

O Servizo Operativo de Extinción de Incendios Forestais de Andalucía, (Infoca), vén de informar que os servizos despregados na busca da avioneta anti incendios desaparecida esta cuarta feira confirmaron o falecemento do seu piloto, Santiago Durán.

Efectivos da Garda Civil e dos Bombeiros localizaron a primeira hora da tarde a avioneta nunha zona de difícil acceso no municipio zamorano de Porto, no límite con Ourense.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Delegación do Goberno español, os efectivos de busca avistaron a avioneta nunha zona inaccesíbel de Porto, polo que até o lugar van desprazar efectivos do Greim, o Grupo de Rescate e Intervención en Montaña da Garda Civil.

A avioneta, un monopraza Thrush 710P con matrícula EC-MXL, atopábase realizando un voo a pasada cuarta feira desde as 11.35 horas entre a base de Doade (Sober) e a base de Córdoba, pero as malas condicións climatolóxicas fixeron que o piloto decidise regresar ao punto de partida.

O último contacto mantívose ás 12.30 horas dese mesmo día. A compañía puxo en coñecemento das autoridades o incidente de forma inmediata e activouse a busca. O avión colabora con Medio Rural na campaña de incendios, mais non se atopaba en tarefas de extinción durante o voo no que desapareceu.

Tarefas de busca

Á primeira hora da mañá desta sexta feira reiniciáronse as tarefas de busca por terra da avioneta entre as provincias de Ourense, Zamora e León e o norte de Portugal.

No amplo dispositivo despregado na Galiza, alén de medios da Garda Civil, participan axentes forestais da Consellaría do Medio Rural, entre outros corpos. Aliás, buscouse polos municipios zamoranos de Hermisende Lubián, cun dispositivo "evidentemente terrestre".

En canto aos medios aéreos, na mañá desta pasada quinta feira si puido saír o helicóptero Pegasus da Garda Civil, pero tivo que quedar inmobilizado en Lubián dadas as circunstancias meteorolóxicas.