Atopan o cadáver dun home de Aranga que levaba nove días desaparecido

Vehículo da Garda Civil (Foto: Alberto Ruiz / Europa Press).
Un veciño atopou este sábado o corpo sen vida do home de 90 anos que desaparecera o pasado xoves 7 de marzo.

Un veciño atopou este sábado o corpo sen vida do home de 90 anos que desaparecera o pasado xoves 7 de marzo no municipio de Aranga, na comarca das Mariñas.

Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, sobre as 13 horas un veciño que camiñaba pola zona do monte As Lagoas, a uns dous quilómetros do domicilio do falecido, atopou nunha cuneta unha gorra e tamén observou nas proximidades unha chaqueta cunhas chaves.

A continuación, uns 20 metros máis adiante, saíndose da pista cara ao monte, achou o corpo. Estas mesmas fontes sinalaron que xa se procedeu ao levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para realizarlle a autopsia.

Dispositivo

Un dispositivo buscaba ao nonaxenario desde hai nove días, cando un familiar avisou ao 112 da Galiza da súa desaparición, despois de que a coidadora que atendía este home notase a súa ausencia.

Tras rexistrarse a súa desaparición, os axentes da Garda Civil puxeron en marcha os correspondentes operativos de procura, nos que tamén participaron os membros do Grupo de Emerxencias Sanitarias (GES) de Curtis, así como os drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Este veciño do lugar de Maques, en Aranga, duns 90 anos de idade, adoita saír a pasear, pero normalmente estaba de volta na casa antes das dúas da tarde. O pasado 7 de marzo non volveu e deixou alí as súas pertenzas.