Atopan os 'aneis milagrosos' dos nove ‘bispos santos’ de Santo Estevo de Ribas de Sil

Os catro aneis achados en santo Estevo (Foto:Bispado de Ourense)

Levaban séculos desaparecidos.

 

Un equipo de restauración que realizaba o seu labor nos retablos relicarios laterais da igrexa de San  Estevo de Ribas de Sil localizou, entre os restos dos nove ‘bispos santos’ alí enterrados, catro aneis que, segundo a tradición, poderían ser os 'aneis milagrosos' destes bispos, en paradoiro descoñecido desde hai séculos.

Segundo informa o Bispado de Ourense, o cóengo arquiveiro da Catedral de Ourense, Emilio Duro, fala na súa monumental obra sobre o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil dos nove santos bispos galegos que alí morreron.

No proceso de  canonización sobre a vida, milagres e  veneración e culto público dos corpos e reliquias destes nove bispos faise referencia ás milagres obradas polos aneis, aínda que sen indicar cantos foron. 

En concreto, preséntanse varios casos de curación, entre os que destaca o da afillada de Bautista  Celma, mestre, cega de nacemento.

Tras varios séculos perdidos, as obras de restauración dos  relicarios laterais do altar maior, onde se atopan os restos dos nove santos bispos, localizaron un elemento patrimonial que poderían ser estas xoias perdidas.

Durante os traballos iniciais foi aberta a urna que se conservaba no  relicario esquerdo, onde se conservan os restos de catro dos santos bispos. 

A urna preséntase dividida en catro compartimentos, que presuntamente conservan as reliquias dos catro. Nun dos compartimentos, entre as reliquias óseas, atopouse unha bolsa de tea (probablemente seda) con bordados en fío de ouro. Ante a sorpresa dos presentes, dentro da pequena bolsa atopábanse catro aneis de prata con pedras de diversa calidade e dous documentos escritos.

Un deles é unha pequena etiqueta en pergamiño, que debía recoller os catro aneis. Na parte interna da mesma aparece un texto no que se pode ler: "Estes  quatro aneis son dos que quedaron dos nove Santos Bispos. Son os que quedaron. Os demais desapareceron. Por eles pásase auga para os enfermos e sandan  mo[itos]".