Atopado o corpo sen vida dun home nun arroio de Mos, que se suma ao achado na Illa de Arousa

O Camiño do Agro, na parroquia mosense de San Miguel de Pereiras. (Foto: Google Maps)
Esta segunda feira aparecera tamén un cadáver na Illa, o segundo nesta xornada canda ao de San Miguel de Pereiras, en Mos.

O 112 Galiza informou na mañá desta segunda feira do achado dun corpo sen vida nun arroio da localidade de Mos. Segundo informaron desde a central de emerxencias, un familiar do falecido alertou dos feitos pouco despois das 9.45 horas.

Os servizos sanitarios desprazados ao lugar só puideron certificar o falecemento da persoa, cuxo corpo se atopaba nun arroio do Camiño do Agro, pertencente á parroquia mosense de San Miguel de Pereiras.

Desde o 112 solicitouse a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e dos axentes da Garda Civil. Aliás, informouse ao servizo municipal de emerxencias, ao GES de Mos, a Policía Local e os Bombeiros do Porriño por se for precisa a súa intervención.

Nestes momentos, as autoridades policiais traballan para tentar esclarecer as circunstancias deste suceso do que, até o momento, non transcendeu demasiada información.

Outro cadáver achado na Illa

Porén, o corpo sen vida achado en Mos non foi, tristemente, o único da xornada, pois a primeira hora desta segunda feira fontes policiais informaban da aparición do cadáver dun home de 51 anos no porto do Xufre, no municipio da Illa de Arousa.

A familia do home, veciño deste concello, detectou a súa ausencia o pasado sábado, pero sobre todo na xornada do domingo saltaron as alarmas cando aínda non regresara á casa.