Atlantic Sunset, o solpor galego ao servizo dun modelo turístico sostíbel

Vista do solpor desde o faro de Fisterra. (Foto: Nós Diario).
Este proxecto de investigación suma o coñecemento de profesionais da Física e da Xeografía para localizar nos bordes continentais os mellores solpores, desde os que impulsar un desenvolvemento alternativo e sostíbel.

A facultade de Xeografía e Historia da USC acolleu onte o lanzamento do proxecto Atlantic Sunset, unha iniciativa liderada pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER) e que, desde a universidade compostelá, coordinan os profesores Ángel Miramontes, Rubén Lois e Jorge Mira.

Atlantic Sunset, afirma Miramontes a Nós Diario, é un proxecto competitivo que obtivo máis de un millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, cuxo obxectivo se centra en dar apoiar a iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas.

É un proxecto multidisciplinar no que profesionais da Física e da Xeografía buscarán distintas formas de aproveitar un recurso natural como a posta de sol desde o punto de vista turístico, cultural ou económico  "de forma sustentábel, ordenada e coordinada en contacto cos axentes locais vinculados a cada un dos territorios".

O último solpor

O de Fisterra, na Galiza, é só un dos solpores atlánticos que fan parte do Atlantic Sunset, no que tamén participan socios de Portugal, Francia e Irlanda. "Nesta fachada atlántica o sol é un recurso que permite un desenvolvemento equilibrado", asegura Ángel Miramontes, quen apunta experiencias de éxito previas.

O solpor desde Cabo Fisterra ten unhas características xeográficas e territoriais diferentes que sosteñen o proxecto, afirma o profesor da USC, quen non descarta sumar a este destino outros lugares estratéxicos desde os que observar as mellores postas de sol da Galiza, mais, de momento, este punto da Costa da Morte vai centrar as primeiras experiencias. Da mesma  maneira, en Francia, Irlanda e Portugal, traballan cos "últimos solpores de cada territorio, os máis endémicos e os que mellor se diferencian doutros, co obxectivo, tamén, de crear unha rede en toda a fachada atlántica que máis adiante pode dar o salto a outra escala territorial", avanza Ángel Miramontes.

Transferencia á comunidade

Atlantic Sunset, conclúe, busca  pór as ciencias sociais e experimentais ao servizo da identificación e posta en valor dos recursos endóxenos locais asociados ao sol. "Queremos que sexa un proxecto con moita transferencia, para que as diferenzas territoriais aporten beneficio á sociedade en xeral". E para iso, o solpor vai ir da man da historia, da paisaxe, do patrimonio, da cultura, dos axentes locais  e das administracións.