A atención á saúde mental adoece de solucións efectivas no hospital de Conxo

Hospital Psiquiátrico de Conxo (Arxina).
A Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM) critica o abandono do Hospital Psiquiátrico de Conxo e reclama un plan específico para o centro que mitigue o seu carácter residencial e potencie a rehabilitación das persoas usuarias. Urxen reformas integrais dos espazos físicos mais tamén dos servizos asistenciais, en sintonía coas demandas da psiquiatría comunitaria. 

O de Conxo, en Compostela, é o último gran hospital psiquiátrico con máis de 200 doentes. Os antigos centros monográficos, que mantiñan as persoas con trastornos mentais severos encerradas, lonxe da comunidade, agora funcionan como Unidades de Rehabilitación Psiquiátrica, máis partidarias dunha resposta comunitaria ao sufrimento psíquico.

"O abandono das instalacións e da asistencia psiquiátrica converte as persoas ingresadas en cidadáns de segunda categoría, compromete a súa saúde e a súa dignidade".

O psiquiátrico de Conxo foi inaugurado en 1885. É un caso particular porque está no centro da cidade, e tamén, apuntan desde a Asociación Galega de Saúde Mental, polo estado de abandono no que se atopa a teor das urxencias detectadas polo Defensor del Pueblo. Segundo recolle no seu último parte sobre a institución, o perfil da maioría das pacientes ingresadas afasta o centro da concepción actual das unidades de psiquiatría. Incide nas estancias de longa e moi longa duración, de até 30 e 50 anos, que "obrigan a examinar a súa actividade e funcionamento desde unha perspectiva diferente á das estruturas de atención netamente sanitarias".

Visita sorpresa

En novembro de 2017 o Defensor del Pueblo realizou unha visita sorpresa ao Hospital Psiquiátrico de Conxo coa finalidade de estudar o seu funcionamento, detectar deficiencias e propoñer melloras. Durante dous días analizou as instalacións; reuniuse con membros do equipo directivo, do colectivo médico e do persoal do centro; examinou expedientes persoais e historias clínicas das pacientes e mantivo entrevistas reservadas con algunhas persoas usuarias.

Dous anos despois desa visita técnica, que contou coa participación dunha asesora da Valeduría do Pobo, o organismo encargado de defender os dereitos fundamentais e as liberdades públicas da cidadanía acaba de publicar a ficha de seguimento das súas conclusións, das suxestións dirixidas á Administración galega, no seu momento, mais das medidas postas en marcha polo Servizo Galego de Saúde.

"Na historia da rede hospitalaria do Sergas son recorrentes as situacións de abandono dos hospitais psiquiátricos".

Con ese documento na man, a ASGS pon o foco en tres grandes áreas nas que reivindica as recomendacións do Defensor del Pueblo en canto ás medidas coercitivas, o modelo asistencial e a mellora das instalacións. 

Salvo unha unidade reformada, di o informe, as dependencias do hospital están "obsoletas". "Hai goteiras, humidades, fiestras en mal estado, frío, cuartos triplos, corredores estreitos", sinalan as profesionais da saúde mental. "O estado actual do centro reflicte desleixo, condena as residentes a unha habitabilidade precaria e rodéaas dun contorno que transmite todo aquilo que sitúa o sufrimento mental na marxinación social".

Unha denuncia que estenden no tempo, xa que na historia da rede hospitalaria do Sergas son recorrentes as situacións de abandono dos hospitais psiquiátricos, "nun agravio comparativo que converte as persoas ingresadas en cidadáns de segunda categoría". E se o espazo non é digno, "como imos acabar co estigma?", preguntan.

Calidade asistencial

No ámbito asistencial, o Defensor del Pueblo sinalou varias deficiencias que a AGSM atribúe á escaseza de "recursos que favorezan o mantemento e o retorno das usuarias á comunidade". Sobremedicacións, estadías prolongadas, escasa participación das doentes no funcionamento do centro, poucas actividades dirixidas a mellorar a súa autonomía e independencia, a ausencia de reunións de equipo e de plans de rehabilitación. Son algunhas das eivas detectadas que a Administración aceptou revisar nalgúns casos e rexeitou noutros e que o organismo estatal se compromete a seguir observando.

"Hai escaseza de recursos capaces de favorecer o retorno das usuarias á comunidade".

Canto ás medidas de represión, como as contencións mecánicas e os internamentos involuntarios, a AGSM avoga por un rexistro minucioso e axeitado, co fin de "analizalas, facelas visíbeis e proceder a un plan que teña como obxectivo a súa desaparición". Despois de dous anos, urxen medidas efectivas a prol "da saúde e da dignidade das persoas".