Atención sanitaria á muller nun espazo 'decadente'

Un corredor do centro sanitario. (Foto: Cedida)
Usuarias do Hospital Materno Infanta Elena de Ourense denuncian, con fotografías tiradas dentro das infraestruturas, o deterioro desta instalación sanitaria. Cando son ingresadas poden chegar a convivir con escachaduras, humidades e mesmo riscos eléctricos.

Algunhas pacientes do Hospital Materno Infanta Elena de Ourense denunciaron ante Nós Diario o mal estado no que se atopa esta infraestrutura sanitaria.

As usuarias prefiren deixar as palabras atrás para apoiar a súa denuncia con múltiples fotografías tiradas no centro que deixan ver a falta de mantemento e arranxos acordes ao paso do tempo.

Nas imaxes -que, evidentemente, non reflexan o estado de todas as habitacións- detéctanse escachaduras nos marcos de portas e paredes, algunha que outra humidade e caixas de persiana algo soltas.

Tamén hai elementos desfasados no tempo, que amosan certa decadencia do materno ourensán.

O mesmo sucede cos carteis que indican algunha oficina médica nos corredores, onde novamente son visíbeis as escachaduras nos detalles feitos en madeira.

Atendendo ás imaxes fornecidas a este diario, a situación máis grave dáse nalgunhas habitacións, nas que as doentes teñen que convivir con estragos de maior entidade que os de carácter ornamental.

Segundo se observa, no hospital que pertence ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) do Sergas, hai espazos nos que os enchufes están rotos pero seguen a ser usados, co conseguinte risco eléctrico por ter os cables e outros elementos á vista e alcance de calquera persoa, aínda que sexa por un despiste.

Estas novas denuncias do deterioro no equipamento sanitario da Galiza coinciden con outra chamada á mobilización para evitar máis recortes na Atención Primaria. Nesta reclamación está representado tamén o propio persoal da sanidade do país.