A Atención Primaria volve mobilizarse após o 9-F

Concentración do persoal do centro de saúde de Viveiro.
Persoal sanitario e non sanitario dos centros de saúde da Galiza volveron protestar contra o desmantelamento da Atención Primaria.

As concentracións semanais dos colectivos sanitarios da Atención Primaria comezaron no mesmo momento en que desconvocaron a folga de tres días que tiñan anunciada para abril do ano pasado. Naquel momento a Xunta aceptou negociar todas as reivindicacións que mantiña o servizo en loita. Abandonaron o paro pero decidiron manter vivas as súas demandas en concentracións de cinco minutos en cada área sanitaria cada día da semana. 

Agora a protesta é semanal e prodúcese ao mesmo tempo en todo o territorio, ás portas de cada centro de saúde. As reivindicacións non mudaron porque tampouco houbo avances nin no deseño nin na implantación dun novo modelo de Atención Primaria.

Saturación e desmantelamento

En declaracións a Nós Diario Xosé María Dios, portavoz  da Plataforma SOS Sanidade Pública, afirma que "desde a creación do Consello Técnico de Atención Primaria e despois de tantos meses de traballo seguimos á espera das conclusións da Administración e sen ningún diálogo coa Xunta", fundamental, di, para reverter a situación da Atención Primaria. "Por iso mantemos esta convocatoria, mesmo tras o éxito da manifestación do pasado domingo, de febreiro, para poñer de manifesto a falta de respostas á saturación, á falta de recursos e ao desmantelamento do servizo", indica Dios. 

No mes de abril o Sergas comprometeuse a abrir unha mesa de diálogo para abordar as propostas irrenunciábeis do persoal sanitario e non sanitario da Atención Primaria: máis orzamento, maior capacidade de planificación, entre outras cousas para pedir probas diagnósticas, medidas para pórlle fin á precariedade dos diferentes colectivos sanitarios, reforzo de persoal e mellorar para unha atención de calidade nos Puntos de Atención Continuada.

Case un ano despois, as mesmas demandas

As mesmas reivindicacións seguen en pé. Case un ano despois a Atención Primaria segue pendente do anuncio "dun novo modelo que integre terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedistas e psicólogas clínicas; que agora non teñen presenza máis que nos servizos especializados, asegura Xosé María Dios. 
Desde Outes, súmouse ás solicitudes expresadas por outros colegas que denuncian a sobrecarga diaria das consultas e reclaman tempo suficiente para atender as usuarias.