Atención Primaria de Vimianzo denuncia a falta de medios para atender ás doentes, que cada vez son máis

Imaxe de arquivo dunha protesta da Atención Primaria en Vigo. (Foto: Paula Justo / Europa Press)
O Servizo de Atención Primaria asegura, a través dun comunicado, que as e os enfermos non só chegan por mor da Covid-19, senón polo atraso das citas nas especialidades, o illamento e a falta de mobilidade da poboación maior da comarca. Igualmente, recordan que a veciñanza ascende en verán e que están a traballar poñendo en risco tanto a saúde das pacientes como a das e dos profesionais sanitarios.

O Servizo de Atención Primaria de Vimianzo, do que dependen o propio concello de Vimianzo pero tamén os de Camariñas e Zas segundo destacan, denuncian que están a atender cada vez máis doentes cun "déficit de recursos" e un "déficit de persoal pola falta de cobertura dos permisos". Indican que están sobrecargados ante unha poboación que se sente mal atendida e piden solucións a Administración.

"A Atención Primaria é a primeira peza de contacto co sistema sanitario, debera ser unha peza fundamental e ter recursos tanto humanos coma  materiais suficientes, incluíndo EPI, para desenvolver esta labor tan importante, non solo asistencial senón tamén de promoción e educación para  saúde con garantías de calidade pero lamentablemente isto non está sucedendo porque non contamos con eses recursos necesarios que requiren inversión por parte das administracións públicas", afirman desde un departamento do que dependen tanto os centros de saúde como os Puntos de Atención Continuada (PAC) de zona.

Desde o seu punto de vista cada vez é máis habitual facer a súa labor con "coberturas deficitarias" e recordan que a veciñanza medra exponencialmente no verán polo turismo e a visita das e dos galegos na emigración. Mais "ao mesmo tempo, van diminuído os recursos para poder atender axeitadamente a estes pacientes".

A preocupación é especialmente elevada porque a carga de traballo é maios do agardado. As sanitarias explican que non se debe unicamente ao impacto do coronavirus, senón ás súas consecuencias no sistema de atención ás doentes.

"A Atención Primaria queda sen atender e isto súplese coa enorme dedicación e traballo dos profesionais sanitarios (médica e enfermería) e de administración e servizos, o cal xa non se sostén máis", lamenta, ao tempo que advirten: "Os que imos enfermar, somos nós".

Pediatría e un rural pouco atractivo

No comunicado tamén ccritican a falta de atención pediátrica na comarca de Soneira porque só hai unha profesional para atender ás crianzas de toda a comarca. "Levamos anos vendo como en Pediatría os recursos que hai, quédanse nas cidades, deixando o rural sen estes profesionais, ou con profesionais, que ante a gran sobrecarga asistencial, deciden abandonar estes centros de saúde", recriminan. 

Ante esta situación exixen á Consellaría de Sanidade que se atendan as necesidades e que se facilite o traballo no rural, pois polo de agora "cando ás compañeiras que se lle ofrece un contrato nunha zona rural se lle está ofrecendo máis distancia dende os seus domicilios, máis horas de xornada laboral anual, poboación máis dispersa e envellecida e menos recursos, é lóxico que prefiran traballar en áreas máis urbanas que nas nosas".