A Atención Primaria, na UCI polos recortes da Xunta

Mobilización en 2019 en defensa da Atención Primaria nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
A falla de medios déixase notar nos centros de saúde da Galiza. Tanto é así, que os responsábeis políticos do PP e o propio conselleiro de Sanidade recoñecen a situación límite de Atención Primaria. Pola súa banda, os colectivos en defensa da sanidade pública demandan un novo modelo asistencial.

Os problemas de Atención Primaria non son novos. A este respecto, desde SOS Sanidade sinalan que “leva anos en claro proceso de deterioración como consecuencia da política da Xunta de recortar recursos, desmantelar centros, eliminar prazas de profesionais e de someter os centros de saúde ás xerencias hospitalarias”. Ao tempo, critican a “obsolescencia dun modelo medicalizado, hexemonizado por unhas consultas médicas, masificadas, orientadas á enfermidade e ao abuso irracional de medicamentos, en detrimento das actividades de promoción, prevención e rehabilitación da saúde”.

O médico de familia no concello de Outes e secretario da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Xosé María Dios advirte a Nós Diario que “os centros de saúde están colapsados e non hai médicos dispoñíbeis e non parece que os vaia a haber a curto e medio prazo”. “Case toda a demanda dos centros de saúde pasa pola consulta médica porén boa parte da mesma é de actividades burocráticas e non de atención médica”, afirma Dios, quen denuncia que “a composición dos equipos dos centros de saúde está desequilibrada, dada a falla de persoal en enfermaría, administración, fisioterapia ou psicoloxía clínica”.

A ausencia de profesionais é unha das cuestións que máis preocupa os colectivos en defensa da sanidade pública e as organizacións sindicais. Neste sentido, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín demanda da Xunta da Galiza que “trate dunha vez por todas, a problemática da falla de persoal facultativo en Atención Primaria” e alerta do aumento da media de idade do persoal. “A Consellaría de Sanidade sabía do envellecemento que tería o cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde(Sergas), as xubilacións que se ían producir e non solicitou durante estes anos o persoal MIR suficiente para dar cobertura a estas baixas”, afirma Abuín a Nós Diario.

‘O problema básico é a falla de persoal’

“O problema básico é a falla de persoal”, apunta Xosé María Dios, quen sinala que “en Atención Primaria hai aproximadamente 1.000 prazas vacantes de médicos sen cubrir. As Ofertas Públicas de Emprego da Xunta son absolutamente insuficientes xa que recollen para as anualidades de 2019, 2020 e 2021 un número de postos que non dá para atender as necesidades da área sanitaria de Vigo”. Ao tempo, alerta que “sen facer unha previsión a un lustro non hai alternativa, porque os médicos de Primaria son un colectivo moi envellecido, onde máis de 30% dos actualmente en activo estarán xubilados nun prazo de cinco anos”.

As medidas adoptadas pola Xunta para responder á pandemia teñen complicado aínda máis a situación en Atención Primaria. O voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín comenta a Nós Diario que “outro gran problema, é o deterioro asistencial como consecuencia das políticas de recortes do PP, para afrontar a pandemia, baseadas en limitar o acceso aos centros de saúde, primar as consultas telefónicas e telemáticas, manter os recortes de recursos non cubrir as baixas laborais ou fechar consultas e centros periféricos”. 

SOS Sanidade considera urxente aumentar os recursos orzamentarios destinados a Atención Primaria e apostar por un novo modelo asistencial. Así, Martín reclama “incrementar o orzamento de Atención Primaria até o 25% do gasto sanitario público galego e recuperar os recortes de persoal e incrementalo alí onde sexa necesario”. Ao tempo, defende “dotar de autonomía de xestión á Atención Primaria e reorientala cara o modelo comunitario, desenvolvendo e impulsando a participación social e o compromiso e implicación de todos os recursos da comunidade”.