A Atención Primaria toca fondo na Galiza

Manifestación en defensa dos servizos sanitarios en Seixo, no concello de Marín. (Foto: Nós Diario)
Até 19 días de tempo de espera para unha consulta médica telefónica.

A Atención Primaria ferve. A veciñanza de Marín, organizada na Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa 18 colectivos e asociacións do concello, denuncia a falla de medios no consultorio e tras varias mobilizacións masivas esixe aumentar o cadro de persoal para mellorar a situación. Ao tempo, en Cangas, o colectivo A Voz da Sanidade organiza asembleas e actos informativos ao longo de todo o mes de setembro baixo o lema “É hora da Atención  Primaria”, mentres que en Ponteareas, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública protesta polo deterioro da calidade asistencial na localidade.

“A situación é terríbel”, sinala a Nós Diario, Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade, e médico no centro de saúde de Seixo, en Marín. Afirma que “a información que temos dá conta dunha situación moi complicada, con tempos de espera en diferentes centros de saúde da Galiza de 14, 15 ou 19 días para que atendan unha consulta telefónica”.

Neste sentido, reclama do Goberno galego “unha resposta excepcional porque a situación é excepcional” e considera “urxente” que a Administración adopte “medidas claras para evitar o derrubamento da Atención Primaria”.

A Atención Primaria fechada

“Non podemos permitir que os centros de saúde continúen fechados á poboación”, continúa Martín, quen lembra que “podemos ir ao campo de fútbol ou a calquera outro espectáculo deportivo, aos bares, aos restaurantes, aos cinemas, en definitiva, aos lugares onde se concentra a poboación, gardando unhas certas medidas de seguridade, e non podemos ir aos centros de saúde”. Para Martín, “a única explicación é que queren acabar coa Atención Primaria tal é como a coñecemos e convertela nunha sorte de filtro para certas persoas antes de pasalas á Atención Especializada”. “Ante esta situación, non valen panos quentes, urxen medidas e desde SOS Sanidade imos traballar para obrigar a Administración a adoptalas”, conclúe Martín. 

A falla de medios humanos na Atención Primaria vense agudizando na última década como consecuencia das políticas de recortes aplicadas polas diversas administracións.

“A falla de persoal é escandaloso”, destaca Martín, quen recorda que “o Plan de mellora para a Atención Primaria estabelecía en 2007 a necesidade de 350 médicos máis, pero desde aquela fóronse producindo moitas vacantes que quedaron sen cubrir polas limitacións á contratación impostas pola taxa de reposición. Así, máis de 50% dos médicos de Atención Primaria teñen máis de 1.400 tarxetas de usuarios, unha ratio moi elevada que supera todas as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e agrávase na Galiza por contar cunha poboación moi dispersa e moi avellentada que precisa de máis coidados”.

O problema da Atención Primaria na Galiza é de carácter estrutural. Un dos elementos chaves é o escaso gasto do Goberno galego en Atención Primaria, situado en 182,3 euros por habitante, só investindo menos que a Galiza Madrid, con 147,97 euros, e as Illes Balears, con 178,38 euros. Así, o gasto en Primaria da Xunta é de 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura, 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa. Precisamente, a caída do orzamento sanitario tense acentuado nos anos de Alberto Núñez Feixoo á fronte da presidencia da Galiza.