Atención Primaria rebélase contra o estudo de seroprevalencia e urxe garantías asistenciais

A Xunta iniciará a semana que vén a segunda fase do estudo de seroprevalencia (Europa Press).
Avanzado o desconfinamento, a normalización da asistencia sanitaria na Atención Primaria vólvese ver comprometida polo inicio da segunda volta do estudo epidemiolóxico da Xunta. Así o manifestan as enfermeiras encargadas de realizalo. Exixen unha dotación de medios extraordinaria.

O Servizo Galego de Saúde prevé comezar a semana que vén a segunda volta do estudo de seroprevalencia que iniciou no mes de abril para coñecer a circulación do coronavirus na Galiza. As primeiras conclusións apuntaron unha baixa incidencia da COVID-19, ao estimar que só estaría inmunizada 1,15% da poboación.

A vindeira segunda feira, 8 de xuño, o Sergas retomará as probas ás persoas seleccionadas para participar na enquisa. As listaxes que indican o nome e o contacto das elixidas xa chegaron aos centros de saúde. As enfermeiras de Atención Primaria son as encargadas de chamar e informar as usuarias da sanidade pública de que foron escollidas para participar no estudo epidemiolóxico e que pode facelo con carácter voluntario.

As enfermeiras tamén se ocuparán da realización dos tests, que segundo o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, contan rematar no prazo de "dez días", para analizar os datos e extraer conclusións a partir do 18 de xuño.

Malia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, abrira a porta á posibilidade de suspender a segunda fase da macroenquisa, vaise levar a cabo, e ao igual que a primeira, comeza entre as críticas das profesionais sanitarias. Se na primeira vaga lamentaron iniciar o traballo epidemiolóxico sen medios nin información suficientes, e nalgúns casos sen seren sometidas aos tests que ían empezar a realizar; nesta ocasión destacan o "despropósito" de continuar  unha investigación que "non cumpre as normas básicas de consentimento informado nin de transparencia na súa metodoloxía e deseño".

Iniciativa "absurda"

A denuncia parte da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, unha sociedade científica que agrupa máis dun millar de facultativos de Atención Primaria e que acordaron pedirlle ao Comité Ético de Investigación Clínica da Galiza que analice os detalles e que se pronuncie.

Defenden que a segunda vaga de probas non vai achegar nada diferente ao constatado hai unhas poucas semanas, polo que piden reconsiderar a súa continuidade.

"Este despropósito está a complicar a actividade asistencial de miles de enfermeiras na Galiza, nun momento no que é fundamental aproveitar os recursos para detectar os brotes de casos novos e para reforzar a atención das doentes crónicas que durante o confinamento tiveron toda clase de complicacións e medo de acudir aos centros sanitarios", recalcan. O seu entender, esta iniciativa agocha "unha intención propagandística" que "compromete a desexada reactivación asistencial na Atención Primaria".

Planificación asistencial

Pola súa banda, desde a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, demandan á Consellaría de Sanidade unha dotación de medios extraordinaria para afrontar o período estival. Reclaman a cobertura do 100% das ausencias nos cadros enfermeiros da Atención Primaria Galega así como un reforzo extra para afrontar a segunda volta do estudo de seroprevalencia, ademais da execución inmediata do Plan de Atención Primaria 2019-2021 no relativo aos recursos humanos.

Urxen xerar as prazas de enfermaría que faltan para completar os equipos de Atención Primaria, "especialmente en centros de saúde onde hai profesionais con cartillas de máis de 2.000 usuarias", sinala o Álvaro Carrera, voceiro da Agefec. Mentres non se dan eses reforzos, exixen contratacións suficientes para realizar os tests epidemiolóxicos con garantías e sobre todo, atender a poboación durante o desconfinamento, a súa gran prioridade.

"Imos recibir turistas procedentes de zonas cunha prevalencia do virus superior aínda sen saber como se vai comportar. Debemos extremar a vixilancia e o control de novos casos, sen descoidar as doentes crónicas. Hai que tratalas e compensalas para o que poida vir", salienta Carrera, quen demanda unha planificación asistencial folgada e capaz, de acordo coas evidencias que revelan os estudos epidemiolóxicos. "Esa información pode ser valiosa para a saúde pública e o ordenamento dos recursos de cara á época estival, pero tamén de cara ao outono e á campaña de vacinación contra a gripe”, conclúe Álvaro Carrera.

Denuncias de privatización

A CIG-Saúde exixe á Xunta que atenda as razóns asistencias que exhiben o persoal sanitario da Atención Primaria ante a posta en marcha da segunda fase do estudo de seroprevalencia que prevé acadar arredor de 50.000 persoas. Nese sentido, destaca o sindicato, un estudo epidemiolóxico que non vai achegar datos novos non pode ocupar o colectivo de enfermeiras nun momento en que se está normalizando a asistencia sanitaria.

Doutra banda, a central nacionalista denuncia a privatización do servizo de mantemento do hospital de Montecelo, en Pontevedra. Consellaría e Xerencia escolleron "cederllo a unha empresa particular aproveitando o proceso de reforma e ampliación do centro sanitario", asegura, "encarecendo o custo do servizo", en vez de seguir contando con persoal propio.