Análise

A Atención Primaria galega en risco real de colapso

A Atención Primaria sufriu grandes recortes polo Goberno de Feijóo desde a crise do 2008. (Ilustración: Álex Rozados)
Manuel Martín, médico de Familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

O principal problema do sistema sanitario público galego é a dificultade da poboación para acceder aos servizos de Atención Primaria e as enormes listas de espera acumuladas polas especialidades hospitalarias durante a pandemia da Covid.

Esta mala situación ten que ver, de inicio, coas dificultades para conseguir cita nos Centros de Saúde polo colapso da escaseza de liñas telefónicas e por falta de persoal administrativo, que obriga a moita xente a acudir directamente aos centros para conseguir cita facendo colas na rúa. Tamén coa espera para recibir cita e ser atendido, de media, uns nove días (hai sitios en que pode demorarse máis días ou semanas, cando non debería superar as 24 ou 48 horas para unha normal). Ten que ver coa hexemonía da consulta telefónica (estamos á cabeza de Europa), co peche de centros de saúde periféricos para facer aforros, que afecta especialmente á poboación maior do rural, mais co abandono en moitos centros das actividades de promoción, prevención, rehabilitación e saúde comunitaria.

As centos de manifestacións convocadas en toda Galicia polas Plataformas SOS, desde hai máis dun ano, son a mostra palpable do descontento social e profesional creado por esta situación.

Boa parte dos servizos están ao ralentí pese ao enorme incremento das listas de espera, que poñen en perigo a saúde de persoas con enfermidades graves

No caso da atención hospitalaria boa parte dos servizos están ao ralentí pese ao enorme incremento das listas de espera acumuladas pola parálise da pandemia, que poñen en perigo a saúde de persoas con enfermidades graves que chegan moitas veces tarde ás consultas especializadas.
A Primaria sufriu grandes recortes polo Goberno de Feijóo desde a crise do 2008. O seu orzamento é o 11,9% do total sanitario fronte ao 14,1 % do Estado e moi lonxe do obxectivo do 25%. O gasto por habitante era hai dous anos o penúltimo do Estado con 188 euros por habitante, 34% inferior aos 288 de media do Estado. Os recortes de persoal por culpa da taxa de reposición durante o Goberno de Rajoy reduciron a taxa médicos de primaria por 100.000 habitantes en Galicia a 89,4, un 10% menos que o resto de CCAA (a 5ª pola cola).

Como consecuencia, as consultas médicas están masificadas con medias superiores a 50 pacientes ao día, o que reduce a calidade e pon en risco a saúde das persoas atendidas. Se a isto lle sumamos unhas condicións laborais precarias por falta de estabilidade laboral (50% do total) e contratos lixo (a cuarta parte son inferiores a seis meses) conduce á frustración e ao malestar do colectivo profesional. En moitos centros proliferan as baixas por depresión ou enfermidades relacionadas coa Covid e os cadros de traballadores completos son unha rareza.

Risco a curto-medio prazo

Máis da metade do persoal médico ten máis de 50 anos (55,3%). Galicia ocupa o 2º lugar do Estado. O 21,7% ten máis de 60 anos (5ª posición). Esta situación está sufrindo unha aceleración vertixinosa en todo ou Estado. En 2007 os maiores de 60 anos representaban 9,7% do persoal, en 2009 o 11,4, en 2014 o 15,5 e en 2018 o 20,5%, cifras que seguramente son moito peores en Galicia.

O envellecemento da poboación galega é un feito, os maiores de 65 anos xa supoñen o 25,2% da poboación (máis de tres puntos que hai unha década). A partir desta idade increméntanse  exponencialmente os problemas de saúde por enfermidades crónicas e dexenerativas, o que fai que esta poboación demande tres veces máis asistencia sanitaria que o resto.

Cambio de estratexia

É necesario un cambio da política e de modelo de Atención Primaria, que pasaría por incrementar o orzamento ata o 25%, contratar máis persoal médico (hai unha bolsa estatal de 2.000 médicos en paro encuberto ao que habería que atraer con melloras laborais), incrementar o persoal doutras categorías profesionais dentro dos equipos para desmedicalizar e redistribuír a demanda, abrir os centros de saúde pechados, mellorar as liñas telefónicas, contratar máis persoal administrativo, acabar coas listas de espera, incrementar as prazas MIR para formar máis persoal médico, potenciar a promoción, prevención e a saúde comunitaria, e acabar coa precariedade laboral do persoal.

Desgraciadamente, a Xunta, a Consellería de Sanidade e o Sergas que deixa Feijóo non teñen vontade nin capacidade para emprender estes cambios.

Ou os botamos ou a Atención Primaria vai dirixida irremediablemente ao abismo.