Atención Primaria: eivas de vello na nova realidade

Mobilización en defensa da sanidade pública en Compostela no mes de xuño (Arxina).
Profesionais da Atención Primaria encaran o outono coas mesmas deficiencias coas que iniciaron o desconfinamento e pasaron o verán: con atrasos, falta de persoal e axendas sobrecargadas.

A nova realidade na Atención Primaria non dista moito da vella normalidade. A precariedade e a falta de medios continúan nun sector da sanidade pública chave para garantir a saúde dos usuarios, mais tamén  do propio sistema sanitario. 

"A carencia de persoal e a acumulación de tarefas seguen sendo evidentes", sinalan desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, dous lastres que sobrecargan a recuperación asistencial nos centros de saúde despois da pandemia e aos que se une agora o seguimento necesario dos novos casos de coronavirus que salpican o territorio.

A miña consulta está ao 150% do que vén sendo habitual.

"Gran parte do traballo que teño estes días na consulta consiste en tranquilizar, explicar e resolver todas as dúbidas que me traen os pacientes relacionadas cos dous focos de Covid-19 detectados na localidade nas últimas semanas", afirma Miguel López del Pueyo, médico de familia en Muros. "Queren saber se son contacto estreito, se para o seu caso se recomenda unha proba PCR ou cales son as circunstancias nas que se debe realizar un illamento" e todas estas aclaracións, recoñece, supoñen "unha  sobrecarga" tanto para el como para os outros tres facultativos que atenden o centro de saúde de Muros -dous están de vacacións-na recta final de agosto.

"Creo que fixemos un bo manexo dos casos de coronavirus detectados na vila e que están controlados, mais iso non impide que a miña consulta estea a 150% do que vén sendo habitual", asegura Miguel López del Pueyo. 

Sobrecarga Covid

Desde a área sanitaria de Pontevedra, confirman esa sobrecarga derivada do novo coronavirus, tanto nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada. "Na actualidade, polas características dos pacientes e a clínica que presentan case todo o traballo asociado á Covid-19 recae na Atención Primaria", manifesta María Armas, médica nun PAC na comarca do Salnés e tamén facultativa de reforzo en Atención Primaria. "Os pacientes xa non veñen con problemas graves que requiran hospitalización ou coidados intensivos, polo tanto, o labor que durante a primeira vaga de contaxios desenvolveu a medicina especializada agora tócalle asumilo á Atención Primaria", incide.

E faino nun contexto de sobrecarga xeneralizado, engade, con axendas imposíbeis de até 60 pacientes e con todos os programas de pacientes crónicos pendentes de resolver. "Temos unha carga asistencial tremenda derivada do confinamento á que aínda non se lle deu saída: hipertensos, diabéticos, doentes con patoloxías renais, cardíacas ou oftalmolóxicas. Moitos, á espera".

Tes que valorar, diagnosticar e indicar un tratamento practicamente a cegas.

Estes coidados xa representaban un peso engadido antes da pandemia, apunta Armas, "porque se viña traballando con cotas moi altas de pacientes, axendas densas e poucas substitucións". A chegada do verán no fixo máis que agravar a situación. "Durante os meses de estío hai máis ausencias. As vacacións e os permisos aumentaron as intersubstitucións e os reforzos en consulta, como no meu caso. Despois de cumprir co meu horario laboral no Punto de Atención Continuada apoio os compañeiros no centro de saúde, o que supón unha sobrecarga de horas e de traballo insoportábel".

Proba do exceso asistencial ao que se ve sometida a Atención Primaria é a baixa en bloque de media ducia de médicos que se produciu a mediados de agosto no centro de saúde do Grove. "O seu caso explica moi ben a realidade dos centros de saúde durante o verán, nunha zona costeira e coa presión engadida da Covid-19", salienta María Armas, quen apunta a necesidade de poñer en contexto este caso.

Medicina pouco eficaz

"O Grove quedou sen médicos porque xa non eran quen de asumir as axendas e as consultas baixo o estrés e a responsabilidade engadida que implica unha sobrecarga asistencial que, ademais, hai que xestionar de maneira telefónica".

Armas asegura que se está exercendo unha medicina que a moitas profesionais non lles "dá tranquilidade". Son consultas moito "máis exixentes e difíciles de  interpretar, moito máis cansadas", sinala José María Dios desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. "Tes que valorar, diagnosticar e indicar un tratamento practicamente a cegas" engade Armas, quen pon en dúbida a medicina e a calidade asistencial deste tipo de consultas. "Creo que non é xusta nin eficaz. Pasamos consulta, si; resolvemos realmente, como merecen, os problemas da xente, creo que non".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 25, nos quiosques ou na nube]