Atención Primaria, diagnóstico precoz e medidas de protección colectiva: chaves cara unha "nova normalidade"

O persoal de Atención Primaria será o encargado de asumir un alto volume de casos (Europa Press).
Os servizos sanitarios do Sergas terán que ter capacidade para frear un aumento de contaxios no futuro. Este obxectivo pasa por aumentar as competencias da Atención Primaria para recoller mostras, facer PCR e confirmar diagnósticos, mais tamén por estabelecer mecanismos de vixilancia e coordinación máis áxiles.

Despois de seis semanas de confinamento as crianzas poden saír á rúa por primeira vez. Coa primeira medida de alivio en marcha o Goberno estatal comeza a marcar os tempos e as condicións para poder iniciar a fase de desescalada.

O presidente Pedro Sánchez xa avanzou que a partir do 2 de maio poderase saír para facer deporte en solitario e para pasear coas persoas da casa. Após este anuncio, o ministro de Sanidade confirmou que as persoas maiores tamén poderán saír a partir desa mesma data, se a evolución da pandemia o permite.

Con todo, o plan de desescalada do Goberno non se coñecerá até a vindeira segunda feira, 28 de abril, día en que ten previsto aprobalo no Consello de Ministros. Entón, saberemos se o Executivo Estatal considerará as achegas territoriais, entre outras, as propostas da Xunta, que urxe un desconfinamento flexíbel e seguro baixo un mando único.

Pautas para a desescalada

Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, xa lle entregaron ao presidente Sánchez, o informe de Recomendacións sanitarias para a estratexia de transición.

O documento busca facilitar a transición cara o que Simón definiu como "nova normalidade”, ademais dunha resposta eficaz no caso de futuros rebrotes. Neste sentido, o texto fai fincapé no reforzo da asistencia sanitaria, das Unidades de Coidados Intensivos e, en particular, da Atención Primaria.

Segundo explicou, a Atención Primaria deberá fortalecerse para responder con éxito “a todo o volume de casos que van ter que asumir”, ás necesidades de vixilancia epidemiolóxica e de diagnóstico precoz, así como de identificación e illamento de posíbeis fontes de contaxio mais dos seus contactos.

Neste sentido, engadiu Fernando Simón, será clave dispoñer de “marcadores comúns”, mais tamén dos equipos de protección individual dos que segue adoecendo o persoal sanitario.

Circuítos separados para o coronavirus

Os centros de saúde están chamados a revisar e deseñar novos protocolos e a estabelecer circuítos específicos para atender doentes con coronavirus, separados dos convencionais para usuarias con outras patoloxías. “Cando acabe esta epidemia e as medidas de restrición sexan máis flexíbeis haberá que repensar aspectos importantes do sistema sanitario”, precisou Fernando Simón.

Con todo, agora os esforzos e as recomendación van dirixidas a reducir o número de casos, a manter a taxa de transmisión do novo coronavirus por baixo de 1% e a garantir unha boa resposta ante unha posíbel segunda vaga de contaxios, sen perigo de saturación para o sistema asistencial.

Hixiene e distanciamento social

Neste sentido, Fernando Simón tamén precisou que as medidas de protección colectiva van ser fundamentais para garantir unha situación epidemiolóxica favorábel e, así, as condicións de desescalada. “É moi importante manter a concienciación social sobre los hábitos de hixiene e distancia social que xa coñecemos”, dixo.

Nova prórroga do estado de alarma?

Sobre o futuro do estado de alarma, o ministro Illa non quixo anticipar unha nova prórroga mais incidiu en que estamos ante un virus moi perigoso e cunha transmisibilidade moi alta. “É moi precipitado pensar que o estado de alarma vai a acabar en quince días".