A Atención Primaria colapsa polos recortes en persoal da Xunta da Galiza

Ana Emida e Fernando Suárez, alcaldesa de Barreiros e de Ribadeo, respectivamente, tomaron a palabra na protesta convocada polo BNG. (Foto: Nós Diario)
Os problemas nos servizos de Atención Primaria sucédense en toda a Galiza. Ao longo da última semana desenvolvéronse mobilizacións en diversas partes do país para protestar pola ausencia de medios humanos e materiais. A caída da calidade asistencial é un feito que denuncian usuarias.

Na mañá desta quinta feira, ducias de veciñas e veciños mobilizáronse diante do centro de saúde Ribadeo "en defensa da Atención Primaria e da sanidade pública". A protesta, convocada polo Bloque Nacionalista Galego, chegou tras verificarse nas últimas semanas un progresivo deterioro da calidade asistencial do Punto de Atención Continuada (PAC) de Ribadeo.

O PAC de Ribadeo presta asistencia sanitaria nos meses de verán a unha poboación de aproximadamente 30.000 persoas, residentes nos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada. A pasada fin de semana un só facultativo viuse obrigado a atender as necesidades médicas de toda esta poboación, sen que a Xunta da Galiza ofrecese unha explicación do acontecido, malia a queixa do alcalde de Ribadeo.

Un caso semellante acontece nos municipios veciños da Pontenova e Cervo. O primeiro deles dispón dun só médico para cubrir as necesidades sanitarias de perto de 4.000 usuarias e usuarios, véndose obrigado o facultativo a fechar o centro de saúde cando ten que acudir á vivenda dalgúns dos seus doentes. O segundo só conta nos meses de verán con dous profesionais para atender os residentes do concello, polo que o centro de saúde de Cervo permanece fechado dous días á semana, obrigando a veciñanza a desprazarse a San Cibrao.

O Barbanza

As queixas polo deterioro da Atención Primaria déixanse sentir con forza no Barbanza. A comarca, que no pasado mes de xullo rexistrou unha mobilización masiva en defensa da sanidade, observa como a Xunta da Galiza mantén fechados os consultorios periféricos de Taragoña en Rianxo, de Cabo de Cruz en Boiro e de Palmeira en Ribeira, provocando neste último caso que 1.200 usuarias e usuarios deban desprazarse a Ribeira.

As carencias de persoal son evidentes no conxunto dos centros de saúde da zona. Así, o Goberno galego ten sen cubrir sete prazas de facultativos en Ribeira e catro en Boiro e en Rianxo o PAC da localidade mantense fechado en horario de tarde, privando nese período a veciñanza do servizo de urxencias.

O Salnés

O contexto non é mellor no Salnés. O PAC de Vilagarcía só conta con nove de 14 médicos asignados, permanecendo a última fin de semana sen ningún facultativo. Ao tempo, o centro de saúde de Cambados ten vacantes catro prazas e os concellos da Illa, Ribadumia e O Grove non dispoñen de servizo de Pediatría. Asemade, en Sanxenxo, onde o alcalde ofreceu aloxamento gratis aos facultativos dispostos a traballar na localidade, o PAC de Baltar non dispón de reforzos de verán, malia que o municipio triplica a súa poboación neste período.

A veciñanza Moraña, na comarca de Caldas, saíu á rúa esta cuarta feira, 3 de agosto, para protestar polos recortes sanitarios no concello. A mobilización, convocada polos nacionalistas e socialistas, denunciaba a decisión do Goberno galego de reducir a un só médico a prestación sanitaria no concello de 1 a 8 e de 22 a 31 de agosto. A nutrida marcha foi valorada polos organizadores como unha mostra do malestar existente na poboación pola política de recortes da Xunta da Galiza.

A situación da Mariña, O Barbanza, O Salnés ou Moraña repítese na totalidade das comarcas e adianta un empeoramento do problema nos próximos tempos. A este respecto, a portavoz do BNG en materia de sanidade, Montse Prado, afirma a Nós Diario que "a situación da sanidade pública, especialmente a da Atención Primaria, está ao borde dun precipicio como consecuencia dunha voadura programada por parte do PP, que leva moitos anos traballando para rematar co sistema público co obxectivo de favorecer o negocio privado".

O voceiro de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, sinala a Nós Diario que "o problema da Atención Primaria é de modelo, e se non se fai nada nos próximos meses, o que vai vir é peor. Estamos diante dunha realidade obvia, que ve todo o mundo agás a Consellaría de Sanidade".

A fuxida dos MIR

89 MIR remataron este ano a formación en Atención Primaria na Galiza, porén só 30 ficarán no país. Así, de 11 MIR que acabaron en Compostela só ficaran dous; de 23 en Vigo, só 10; de 18 na Coruña, só 7; de 11 de Ourense, só dous; de 10 de Lugo só 5, de 11 de Pontevedra só 1 e só quedarán tres de cinco en Ferrol.