A Atención Primaria carece de prazas de especialistas en Psicoloxía

Aboal, Comesaña e Puente, nunha visita ao hospital Meixoeiro de Vigo. (Foto: Nós Diario)

A Atención Primaria galega non conta con ningunha praza de Psicoloxía malia que o 33% das persoas que requiren os servizos da médica ou médico de cabeceira fano por un problema de saúde mental. Neste sentido, os colexios profesionais e os colectivos en defensa da sanidade pública demandan a posta en marcha desta prestación para mellorar a calidade da atención e para reducir as listas de agarda.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de facer públicos os datos sobre os recursos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Atención Primaria. O informe recolle a carteira de servizos da totalidade dos centros de saúde da Galiza, indicando as prazas creadas de cada especialidade no primeiro nivel asistencial. As cifras deste último ano apuntan que a rede de galega de Atención Primaria non conta con ningún profesional da especialidade de Psicoloxía, malia a importante demanda deste servizo.

A Base de Datos Clínicos de Atención Primaria do ano 2022, último con cifras, elaborada polo Ministerio de Sanidade do Goberno do Estado, desvela que o 33% das persoas que acudiron a un centro de saúde na Galiza nesa anualidade foi por problemas asociados á saúde mental. Neste sentido, o relatorio destaca que a maioría destas consultas estiveron asociadas a problemas de ansiedade, alteracións do sono e trastornos depresivos.

As cifras de 2022 son análogas ás do exercicio de 2021. Nese ano, tal é como sinalaba nas páxinas de Nós Diario a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, “unha de cada tres persoas padeceu un problema de saúde mental polo que acudiu ao seu centro de saúde”. Na mesma dirección, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a este xornal que “o feito de termos tanta demanda en Atención Primaria relacionada con problemas en materia psicolóxica debería obrigar a Administración a dotar os centros de saúde con profesionais con esta formación”.

Martín destaca que “crear prazas de Psicoloxía en Atención Primaria axudaría a desconxestionar as consultas dos médicos de cabeceira”. Neste sentido, lembra que “os médicos de cabeceira están a atender entre 40 ou 50 persoas ao día, polo que a presenza de psicólogos nos cadros de persoal dos centros de saúde rebaixaríalle o número de pacientes entre 12 e 15 persoas ao día”. Ao tempo, sinala que “melloraría a calidade da asistencia sanitaria, porque os médicos non temos a formación axeitada para atender todos aqueles pacientes que chegan con cadros de depresión, ansiedade, angustia ou fobias”.

Atención Especializada

A totalidade da oferta de Psicoloxía Clínica no sistema sanitario galego concéntrase en Atención Especializada.  Neste nivel sanitario, o Sergas  dispón na actualidade de 141 especialistas, o que representa unha ratio de 5,2 profesionais por cada 100.000 habitantes. Nas listas de agarda de saúde mental do sistema sanitario galego atópanse arredor de 8.000 persoas.

Ademais, os tempos de espera para a primeira consulta varían en función da realidade das áreas sanitarias, situándose nun mínimo de cinco meses para área de Ferrol e nun máximo de 12 meses para a área sanitaria de Compostela