Os sindicatos están preocupados pola falta de relevo cando se precisa unha atención rápida

A Atención Primaria acumula listaxes de agarda en plena ameaza da Covid-19

O centro de saúde de Culleredo acusa a falta de persoal (Foto: Nós Diario)
As centrais sindicais denuncian que os cupos de pacientes por médica son demasiado elevados. Pídenlle, quer á Xunta quer ao Estado, que aposte por unha sanidade pública de calidade e presencial.

As centrais sindicais amósanse preocupadas pola falta de relevo das médicas e médicos de Atención Primaria no verán, máis aínda cando estes profesionais deberían ser a base do control da expansión da Covid-19. A queixa de que as cotas de pacientes por facultativas son demasiado elevadas non é nova, pero cunha pandemia que ameaza a poboación poñen de manifesto que non é lóxico que se acumulen listaxes de agarda para os centros de saúde. 

"As colas en Atención Primaria derivan xente aos Puntos de Atención Continuada (PAC) e ás Urxencias hospitalarias". Estas verbas son as de María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde. Un dos problemas do que falan as centrais sindicais son as excesivas ratios de pacientes por facultativa. Ademais, quéixanse de que tampouco hai relevo xeracional nin contratacións para cubrir os días de lecer ou vacacións das demais. 

Isto fai que a Atención Primaria chegase a situacións de difícil explicación que se asemellan ás listas de agarda para as cirurxías. Desde Comisións Obreiras falan de localidades onde hai que agardar dez días para ver os médicos de familia. Noutros casos que puido coñecer este xornal, hai agardas de mesmo 15 días ou féchanse as citas pola internet porque non van máis alá desa quincena. 

Hai doutores que están atendendo pacientes por enriba das súas posibilidades, aínda en plena pandemia e sen cumprir horarios porque entenden que se deben á poboación, pero Abuín avisa de que "hai moita precariedade no emprego".

En practicamente todas as cidades e nos seus entornos, as consultas teñen máis persoas asignadas do que estipulara no seu día o Goberno bipartito "para dar un servizo de calidade". Segundo a sindicalista, o PP mudou as normas sen aclarar moi ben as cifras.  

Sen cambios na sanidade
Após pediren en varias ocasións "un plan de ordenación de recursos humanos", pensan que o feito de que Feixoo volva ser presidente vai implicar "que non haxa un cambio na política sanitaria". Porén, advirten de que non hai relevo xeracional para as e os facultativos da Atención Primaria malia que agora a Xunta lle pida ao Estado que amplíe as prazas para os MIR.

A formación, cando menos, "leva catro anos" e vanse ir "xubilando médicas que Almuíña prorrogou até os 68 anos por non quedar sen médicos antes". De feito, recorda que a anterior conselleira Rocío Mosquera (2012-2015), tamén do PP, acelerara as xubilacións antes. 

O secretario xeral de Sanidade do sindicato UXT-Galicia, Javier Martínez, quéixase tamén de que "a consulta telefónica ocupe case todo o tempo, e non debería ser así". As centrais pensan que non é normal e, menos, en plena pandemia. 

Sen "baixar a garda"
"Desta maneira a Atención Primaria podería ser atendida por teleoperadoras e teleoperadores", critica, pois a sanidade non é atender a distancia.

"Hai que pensar que no outono vai haber un repunte da Covid-19 e hai que dicirlle a Feixoo que non baixe a garda", incide o representante da UXT, que demanda que se faga un acopio de material protector para todo o persoal. 
Sobre os cupos de pacientes dos profesionais, Martínez quere deixar ben claro que "se algo amosou a pandemia é que non podemos facer unhas ratios economicistas na saúde". 

Atrasos nas receitas
A secretaria xeral da sección sindical de Comisións Obreiras na comarca de Ferrol, María Elena Rey Díaz, quéixase desas listas de agarda porque "non substitúen", o que fai que "as pacientes teñan que ir a Urxencias, porque hai listas até de cinco días só para receitas" nalgunhas consultas da zona. 

O persoal que non está de vacacións, con bolsas xa infladas de pacientes, asume ademais os das compañeiras que están de descanso, provocando unha "tormenta perfecta". 

"Este ano onde máis había que  reforzar é na Primaria: hai un descontento entre todas e todos os profesionais porque así non se pode traballar", afirma, asegurando que se pararon moitos controis de pacientes con patoloxías crónicas que van reverter na sanidade con resultados peores. "Hai que cubrir as prazas de enfermaría e médicos de familia", exixe a sindicalista.