Atención Primaria: 262 millóns por baixo da media de investimento no Estado e 976 médicos menos desde 2009

Ningún membro do Goberno galego estivo presente durante a comparecencia do conselleiro de Sanidade (Foto: Parlamento)
O primeiro pleno de 2022 xirou en torno á comparecencia do titular de Sanidade para falar do impacto da pandemia sobre a Atención Primaria (AP). Comesaña defendeu a xestión da Xunta e BNG e PSdeG responderon con 2 datos: Galiza destina 262 millóns de euros menos que a media do Estado a AP e hai agora 967 médicos menos que en 2009.

O conselleiro compareceu esta terza feira no Parlamento para falar do impacto da sexta vaga da Covid na Atención Primaria. Unha comparecencia a petición propia, apuntaba o PP;  mais que fai após vetar os populares a petición da oposición de que comparecese nun pleno extraordinario, lembran BNG e PSdeG. "Vén tarde. Pedimos hai tempo que viñese e faino cando baixa a sexta onda", reprochoulle Montserrat Prado, portavoz de Sanidade do Bloque.

Compareceu García Comesaña e fíxoo en solitario. As cadeiras azuis correspondentes aos membros do Goberno galego estaban baleiras agás a do propio conselleiro. Ninguén do Executivo acudiu a apoialo na Cámara.

Comesaña defendeu a xestión  realizada pola Xunta e se ben recoñeceu o "impacto" da mesma sobre a Atención Primaria apuntou que noutros territorios  a situación fora peor.

A variante Ómicron, "cunha maior transmisión", chegou en decembro, cunha taxa de vacinación que evitou a presión hospitalaria doutras vagas mais que levou a unha maior afluencia aos centros de saúde, onde parte do persoal estaba de vacacións ou dúas libres e persoal no que houbo contaxios. Todo isto, explicou o conselleiro, derivou nunha 'treboada perfecta' sobre a AP.

Para reducir ese impacto sobre os centros, explicou o conselleiro, activáronse unha serie de medidas, desde levar a vacinación e as PCRs a outros puntos até que o certificado Covid se dispensase en farmacias. 

Usar mal a AP

Comesaña defendeu as iniciativas postas en marcha pola Consellaría para reducir a asistencia presencial. Así, citou o proxecto piloto que se desenvolve en dous centros, un en Culleredo e outro en Lugo, para identificar o que cualificou como "sobredemanda". 

Dos 450 motivos de consulta atendidos durante esta fase, informou, case a metade correspondían a citas que ou ben podían ser trasladadas a outro día ou atendidas por alguén que non fose o médico de cabeceira (por ser de carácter burocrático).

A respecto do persoal, apuntou que "non é sinxelo" abordar este problema: "O persoal é o que hai, non hai profesionais formados nesta especialidade".

Recortes e escusas

Non convenceu o conselleiro a BNG e PSdeG. Montserrat Prado lamentou que as políticas destes anos situasen Atención Primaria "ao borde do precipicio".

A deputada lembrou a Comesaña que entre 2021 e 2017 ("a partir dese ano deixaron de ofrecer datos") xubiláronse 331 médicos de AP máis só se repuxeron 211. "Nos vindeiros anos xubilaranse 400 máis, que van facer?", preguntou. Afirmou Prado que Galiza está "na cola do Estado" en investimento en Atención Primaria, e cifrou en "262 millóns de euros" máis os que anualmente debería investir a Xunta en AP para igualar a media das comunidades do Estado.

 Para a nacionalista, a política da Consellaría  responde á "voadura controlada" da sanidade pública que, denuncia, persegue o PP. "Canto aumentaron os seguros sanitarios privados desde que gobernan? Canto aumentou porcentualmente o carto que vai da Administración á sanidade privada?".

Pola súa parte, o portavoz de Sanidade socialista, Julio Torrado, resumiu a política do Goberno galego cara a AP nun dato: "Hai agora 976 médicos menos que en 2009", dato que negou o conselleiro, que aseverou que agora hai 100 profesionais máis.  

Torrado tamén lamentou que da intervención do conselleiro só se desprendesen xustificacións para explicar a situación da AP: "A culpa é da xente que pide mal as citas ou do Ministerio", e lembrou que os problemas da Atención Primaria existían "antes da pandemia":