A atención á diversidade, á espera de recursos suficientes e estruturais

As familias reclaman recursos suficientes de atención á diversidade nas aulas (Xunta da Galiza).

Á preocupación polas condicións en que se desenvolverá o curso por mor da Covid-19, moitas familias suman un desacougo extra derivado da falta de profesionais suficientes que atendan as necesidades específicas de apoio educativo do alumnado. A partir do 10 de setembro contan volver ás aulas e aspiran a facelo en condicións de igualdade.

A diversidade, nas escolas mais na lexislación, deixou de ser unha excepción para se converter en norma e tamén en mostra do que é o alumnado: crianzas heteroxéneas con ritmos, estilos de aprendizaxe, intereses e situacións sociais, económicas e culturais distintas.

No inicio dun curso atípico, familias con fillos e fillas con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) láianse da falta de información e de transparencia por parte da Administración á hora de comunicar a dotación de recursos técnicos e humanos que asignarán a cada centro escolar en función das súas necesidades de atención á diversidade, o que lles impide ben buscar o centro máis adecuado para os intereses educativos das súas crianzas ben reclamar con tempo a asignación dos recursos precisos para unha atención de calidade.

Recortes de persoal

É o caso dunha familia de Carnota que denuncia o recorte do persoal de apoio no centro onde escolarizou o seu fillo o ano pasado. "Polo que sei, o curso comezará coa única presenza dunha Auxiliar Técnica Educativa (ATE). O ano pasado contou co apoio puntual doutras dúas coidadoras que repartían o seu tempo entre tres centros. Ao CEIP Plurilingüe de Carnota viñan dúas horas e media cada unha, mais este curso parece que eliminan ese reforzo, polo que quedará unha única persoa de apoio para atender catro alumnos de distintas idades e con diferentes necesidades educativas", expón Araceli Figueira, nai dun neno de catro anos con Trastorno de Espectro Autista (TEA) non verbal. 

"O inicio da escolarización xa foi deficiente. O primeiro trimestre tan só o admitiron a media xornada porque non podían atendelo a tempo completo. Despois do Nadal comezou a facer o mesmo horario que o resto do alumnado e desde o primeiro momento estiven en contacto coa dirección e co equipo de orientación do centro para determinar cales son as necesidades específicas do meu fillo e poder reclamar os recursos suficientes para atendelas".

Recursos estructurais

Araceli Figueira conta con informes médicos e de profesionais do centro que avalan as necesidades do seu fillo e as demandas que a dirección da escola xa coñece e que tamén lle trasladou por escrito a inspección educativa de zona. "Necesita unha persoa con el todo o tempo, que adapte as actividades que desenvolven ás súas características. Agora non o están, abúrrese e marcha". Ademais, pide un horario regular tanto coa especialista en Audición e Linguaxe como en Pedagoxía Terapéutica, hoxe variábel.

A carencia de recursos é practicamente absoluta e moitas veces é a escolarización quen detecta as dificultades.

Figueira censura a falta de información e resposta por parte da Xunta ás súas solicitudes de información, unha eiva que tamén poñen sobre a mesa desde a Confederación de Anpas Galegas. "A carencia de recursos é practicamente absoluta. Moitas veces é a escolarización quen detecta as dificultades. A súa valoración é moi lenta e moitas veces a Administración non valida os informes que presentan as familias". Os recursos, destacan, non están á súa disposición nos centros, senón que chegan en función das necesidades do alumnado. "E chegan tarde. A atención á diversidade debe ser estrutural, parte ordinaria dos servizos educativos".