Até San Caetano e cun berro na gorxa: 'Folga xeral'

Convocad@s pola Plataforma en defensa dos servizos públicos, milleiros de persoas andaron o camiño que vai desde a Alameda de Compostela até as portas da Xunta contra as políticas privatizadoras "que pasan o rodo para achandar o terreo aos intereses empresariais"

Os cartos dos banqueiros, para os soldos dos obreiros, A Xunta de Galiza recorta e privatiza, Non hai pan para tanto chourizo e, sobre todo, o chamamento á Folga xeral. Foron os avisos máis repetidos na manifestación que este sábado contra o mediodía mobilizou milleiros de persoas en Compostela en defensa dos servizos públicos e "contra as actuais políticas privatizadoras, que restan recursos aos servizos públicos en favor dos beneficios empresariais".

Así di o manifesto asinado por, entre outras, as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, ao que deu lectura o actor Federico Pérez --'Era visto!' ou 'Padre Casares'-- ás portas da Xunta de Galiza en San Caetano. "Estes gobernos --en referencia aos liderados por Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo-- pretenden pasarnos o rodo a toda máquina para achandar o terreo aos intereses empresariais", continuo Pérez desde o palco, rodeado pol@s manifestantes que completaron o percorrido da protesta aturando un sol de xustiza.

Contra a crise como argumento
As faixas que peregrinaron até a Xunta pedían polos salarios do persoal da función pública; polos postos de traballo que Feijóo prometeu hai tres anos, en 2009, cando se deu a si propio 45 días de prazo para acabar co desemprego; pola saúde do dereito á sanidade; polo ensino, outro dereito ao que xa pouco lle queda de público e de gratuíto após esta lexislatura. E dicían que xa abonda de agresións aos nosos dereitos. "A crise está a ser utilizada desvergonzadamente como a escusa perfecta para substraer recursos dos servizos esenciais", nunha conxuntura social e económica que azouta cunhas cifras do paro que non atopan teito, coa pobreza e coa exclusión social. 


Aí está, a cova de Alí Babá!
, berraban, sinalando cara os edificios administrativos do Goberno galego, @s manifestantes cando aqueles eran xa visíbeis desde o barrio dos Basquiños. Desde o seu particular púlpito, Federico Pérez atopou no manifesto palabras para o persoal da función pública, ao que os gobernos español e galego "recortan dereitos, destrúen emprego e socavan a confianza da cidadanía con campañas mediáticas destinadas a desacreditar a súa imaxe". En 15 anos, dixo, na función pública "furtáronnos" o 45% do salario. Após a rebaixa media do 5% no que cobraban, neste ano quedaron tamén sen a extra do mes de decembro e impúxose "unha penalización económica por enfermidade".

Por tanto, insiste o documento en que "é hora de pasar da indignación á rebeldía e á loita unitaria". Para alén das centrais sindicais indicadas, na mobilización camiñaron con faixa propia o BNG, Esquerda Unida, a CGT, Sindicatos médicos, Anpe, Satse ou o Colectivo encontro benestar social, profesionais de Traballo social que impulsan desde Pontevedra a chamada 'marea laranxa' en defensa dos servicos públicos. Apoiado polo Colexio de educadores sociais, o 15 deste mes emprenderán unha viaxe que @s levará até a sede do Ministerio de sanidade, en Madrid, onde amosarán "indignación e rexeitamento" ás políticas e recortes orzamentarios que se están a levar en materia de Servizos sociais.

O sexismo camiña canda o SUP
Máis, sen dúbida, foi o SUP --Sindicato unificado da policía-- quen atrapou máis olladas de propi@s e estrañ@s na peregrinaxe até San Caetano. Mobilizáronse "en defensa da seguridade pública", segundo rezaba a súa faixa, e fixérono acompañad@s por un boneco e unha boneca. O primeiro representaba un policía uniformado ao que lle faltaban partes do corpo e do pescozo colgáballe un cartaz en que podía lerse 'Policía recortado, policía desmotivado'. A segunda vestía unicamente unha peza de lenzaría, nomeadamente un corpiño; estaba atada a un pau, simulando a barra dun cabaré, e do seu pescozo colgaba tamén un cartaz. Neste podía lerse 'Así acabó la niña de Rajoy'.