Até 800 euros de multa por se 'mollaren' polo río

[Imaxe Plataforma sarriana polo río]

A Subdelegación do Goberno español sancionou a 9 integrantes da Plataforma sarriana polo río. As multas oscilan entre os 750 e 800 euros. Atribúenlles 'desordes públicas graves'.

 

As sancións multiplícanse. Movementos sociais, organizacións estudantís e xuvenís ou mesmo os mariñeiros do cerco están a ser sancionad@s e/ou xulgad@s por se manifestaren na defensa da lingua, o territorio, do dereito ao aborto, ao traballo ou a un ensino público

Após as sancións que foron remitidas á frota do cerco, catro meses despois das mobilizacións que exixiron un reparto xusto das cotas pesqueiras, integrantes da Plataforma sarriana polo río veñen de comunicar que a Subdelegación do Goberno español iniciou 9 expedientes sancionadores contra integrantes da mesma após a denuncia presentada por axentes da Garda Civil.

Foron denunciadas pola Garda Civil que @s acusa de pór en risco a súa propia integridade física

A estas persoas o organismo atribúelles 'desordes públicas graves' por tomaren parte activa nun protesto contra as obras de encanamento dos ríos Sarria e Celeiro. No concreto, a que tivo lugar o 26 de marzo e na que distint@s manifestantes descenderon polo río en piragüa para evitaren o derrubamento da Ponte do Toleiro. Un monumento histórico que na actualidade xa non existe. 

Segundo o informe achegado polo Subdelegación @s manifestantes puxeron en risco a súa propia integridade física e causaron 'desordes públicas graves' que son puníbeis con sancións de entre 300 e 30.000 euros. Porén, as multas que lles foron remitidas oscilan entre os 750 e os 800 euros. Os expedientes serán tramitados nun prazo máximo de 6 meses.