Até 36 meses de demora para conseguir unha valoración do grao de discapacidade

Un cento de persoas formaron unha ringleira en Compostela para denunciar a espera para obter unha valoracións de discapacidade. (Foto: Arxina)
Urxen aprobar o novo baremo para atender as discapacidades orgánicas.

De media, na Galiza, as persoas que solicitan unha valoración de discapacidade tardan un ano en seren entrevistadas para obter un certificado que acredite a súa condición. Con todo o tempo de agarda é variábel e pode alcanzar os 36 meses, segundo denunciou esta terza feira a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami.

Con motivo do Día da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, o colectivo galego sumouse a unha campaña estatal impulsada pola Confederación Española de Personas con Discapacidade Física e Orgánica baixo o lema 'Espera e desespera', unha iniciativa que levou a perto de medio millar de persoas a representar a "desesperante espera" que están a vivir en Lugo, Pontevedra, Vigo e Compostela.

Arredor dun cento de persoas formaron unha ringleira en cada cidade para simbolizar os anos de demora que non deixan de sumar en materia de discapacidade. Anos privados dos dereitos que lles corresponden.

En Compostela, representantes de varios colectivos da comarca, profesionais e persoas usuarias de Cogami formaron unha fila fronte ao edificio Cegadi, onde se atopan os Equipos de Valoración e Observación da Discapacidade (EVO) con mensaxes que dan conta da súa realidade: "Hai persoas que faleceron mentres esperaban a súa resolución de grao. Non podemos agardar máis".

Un baremo obsoleto

"O que queremos é denunciar e darlles visibilidade ás listas de espera que hai para obter os graos e os certificados de discapacidade. De media, están tardando 12 meses en facer as valoracións", explica en declaracións a Nós Diario Laura Quintas Lorenzo, coordinadora da comisión sociosanitaria de Cogami.

A esta tardanza, Quintas engade os cinco anos de atraso que acumula a probación dun novo baremo de discapacidade, "consensuado en 2017, o que significa que xa nace vello, con opcións de mellora; pero precisamos que se acepte e aplique xa".

O actual ten máis de 20 anos. "É obsoleto, pouco claro e dá pé a interpretacións subxectivas que provocan desigualdades territoriais". Ademais, a voceira de Cogami, "non puntúa as discapacidades orgánicas, provocadas por enfermidades que cursan con gromos ou dor". 

Valoracións presenciais

É unha das queixas habituais que tramita a entidade xunto á demora das propias valoracións, moitas aínda telemáticas. Correspóndenlles aos EVO, formados por persoal médico, psicólogo e traballador social, dependentes da Consellaría de Política Social. Son sete para toda a Galiza. E son insuficientes a teor das listas de espera, afirma Laura Quintas. "É o de sempre, se non contratas persoal que axilice as entrevistas e por riba colles a pandemia como escusa para todo...".

A Covid, confirma, veu empeorar a demora, que non é nova. Tamén introduciu as valoracións a distancia que piden erradicar dunha vez. "Non teñen sentido. Só entrevista unha profesional, e a persoa non sabe cal das tres. Moitas candidatas teñen dificultade para comunicarse. É imposíbel avaliar de forma adecuada por teléfono como unha discapacidade lle afecta á persoa que a ten", conclúe.

A inclusión das crianzas chega ao Parlamento 

'Nenas e nenos con discapacidade, inclusión desde o principio' é o título do manifesto que esta terza feira entregaron no Parlamento representantes do Comité de entidades de representantes de persoas con discapacidade da Galiza (Cermi). Un texto no que reivindican unha imaxe social "positiva e respectuosa" e ao dereito ao lecer inclusivo das crianzas con discapacidade.

Desde Cogami piden que se lle outorgue a discapacidade mínima de 33% á cativada que recibe un diagnóstico de cancro. "No momento. Unha discapacidade revisábel que lles dea acceso a todos os recursos económicos e sociaosanitarios que a familia deberá asumir". O certificado de discapacidade, di Quintas, non é un beneficio, é unha emenda que busca corrixir a desigualdade que xera unha discapacidade. Sen certificado, esta permanece, mais sen apoio fiscal, laboral, sanitario, educativo, á vivenda ou ao transporte.