Saúde

Até 30% dos casos de infertilidade teñen a ver coas ETS

Un test de embarazo. (Foto: Fabián Montaño / Europa Press).
Para evitar contaxios de ETS a opción máis segura segundo os expertos é sempre a prevención. Utilizar preservativo, especialmente naqueles casos nos que a parella non é estábel ou hai máis dunha parella sexual, é a única solución para evitar contraer unha ETS.

A doutora catalá especializada en fertilidade Federica Moffa asegurou esta quinta feira que "entre 20 e 30% dos casos de infertilidade ten a ver directa ou indirectamente coas infeccións por enfermidades de transmisión sexual (ETS)". Así, explicou que "estar infectado por unha ETS pode provocar unha obstrución das trompas nas mulleres ou os condutos deferentes nos homes, dando lugar a unha esterilidade de tipo mecánico".

Neste sentido, Moffa resaltou que, a día de hoxe, aproximadamente 90% dos casos de infertilidade de tipo mecánico ten a ver con infeccións por Clamidia, na maioría de casos, asintomática. Outras ETS como a gonorrea --aínda que en menor medida—, ou unha infección por Ureaplasma tamén poden ser a causa dun problema de infertilidade.

Con todo, non todo ten a ver cunha falta de protección durante as relacións. "Unha saúde sexual e reprodutiva sa tamén ten que ver cun bo estado da microbiota dos órganos reprodutivos e cunha ausencia de enfermidades que afectan ao bo funcionamento destes órganos, como a vaxinite", apostilou.

Como minimizalo?

A opción máis segura é sempre a prevención. Utilizar preservativo, especialmente naqueles casos nos que a parella non é estábel ou hai máis dunha parella sexual, é a única solución para evitar contraer unha ETS. Aínda que a infertilidade por ETS non sempre dura toda a vida e cabe a posibilidade de que o sistema reprodutivo volva á normalidade, "é imprescindíbel coidarse, xa que sufrir infeccións recorrentes por enfermidades de transmisión sexual pode aumentar as posibilidades de ser infértil", aclara a doutora Moffa.

Segundo os datos que proporcionan desde Fertilab Barcelona, a infertilidade por ETS afecta sobre todo a poboación máis nova, concretamente entre os 20 e os 30 anos, que é xustamente a franxa de idade na que o corpo está máis preparado para concibir un bebé. Neste sentido, as ETS son unha das causas, entre outras, polas que unha de cada seis parellas son a día de hoxe infértiles.

Moffa destaca a importancia de actuar rápido en caso de sentir calquera molestia e de facer probas periódicas para descartar posíbeis enfermidades que poidan estar a afectar a saúde sexual e reprodutiva. "Canto antes se actúe e menos se prolonguen os efectos, menos probabilidade haberá de que a enfermidade derive nunha infertilidade", aclara a doutora

O caso do VIH

En casos nos cales a parella é serodiscordante, é dicir, un dos dous ten VIH, hepatite B ou C, entran en xogo as clínicas de fertilidade á hora de concibir un bebé. Segundo a doutora Moffa, "cando a persoa é diagnosticada con algunha destas enfermidades, xa non só hai risco de infertilidade, senón tamén de infectar a parella ou de transmitir o virus ao bebé". Nestes casos, é posíbel facer tratamentos de fecundación 'in vitro' (FIV) que permiten evitar a contaminación mediante procesos como o lavado de seme.

Así, desde Fertilab Barcelona resaltan a importancia de manter bos hábitos sexuais, pero tamén de levar unha vida sa a todos os niveis con tal de reducir ao máximo a posibilidade de infertilidade ou de calquera outra afección que teña consecuencias negativas na saúde. Ademais, destacan a necesidade de "recorrer sempre a profesionais da saúde e seguir en todo momento as indicacións dos médicos".