Até 15 casas calcinadas polas lapas na parroquia de Alixo, no Barco de Valdeorras

Limite dos concellos do Barco e Carballeda, por onde entrou o lume. (Foto: Europa Press)
O incendio tivo a súa orixe no concello veciño de Carballeda de Valdeorras.

O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, informou esta segunda feira de que na parroquia de Alixo, a "zona cero" dos lumes no municipio, arderon xa 15 casas.

En declaracións a Europa Press, o rexedor indicou que "as casas aínda botaban fume" a primeira hora da mañá, polo que un camión cisterna baixou até o concello para "seguir refrescando" a zona de Alixo.

Aliás, explicou que a situación atópase "máis tranquila" nestes momentos, aínda que existe "certo perigo" para a parroquia de Santa Mariña "no caso de que cambie o vento". Segundo Medio Rural, varios dos incendios que a primeira hora da tarde do domingo estaban a piques de ser controlados foron reavivados por fortes rachas de vento.

A proximidade do lume obrigou a desaloxar decenas de veciños e veciñas nas parroquias de Alixo, Vilariño e Soulecín. Porén, o alcalde sinalou que non conta cunha cifra exacta de persoas desaloxadas

Carballeda de Valdeorras

O lume do Barco de Valdeorras tivo a súa orixe no municipio anexo de Carballeda de Valdeorras.

A pesar de permanecer estabilizado até o mediodía do domingo, reactivouse "con motivo do vento" e estendeuse rapidamente até a localidade veciña.

Este incendio calcinou xa unhas 2.400 hectáreas. Medio Rural activou a situación 2 de alerta por proximidade do lume a un núcleo de vivendas en Carballeda, na parroquia de Candeda, onde arderon varias vivendas abandonadas, segundo confirmou o Goberno galego.