Até 120.000 euros de multa na Galiza por non respectar o confinamento

Un policía impón unha sanción a unha muller en Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
Vulnerar a corentena ou o illamento na Galicia poderá ser sancionado con entre 3.000 e 120.000 euros

Incumprir a obriga decretada polas autoridades sanitarias de permanecer en corentena ou en illamento ao ser diagnosticado con COVID-19, ter síntomas compatíbeis coa enfermidade ou ser contacto estreito dun positivo poderá conlevar multas de entre 3.000 e 120.000 euros. Non colaborar na investigación epidemiolóxica tamén poderá ser sancionado con entre 3.000 e 15.000 euros.

Así o recolle a orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) e pola que se aproba o Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección por coronavirus.

Na orde tamén se ditan instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores. No que respecta ao incumprimento "simple" da obrigación de estar en corentena, que se considera unha infracción grave, e se non hai outras circunstancias agravantes, propoñerase unha multa de entre 3.005 e 6.010 euros.

Se ademais concorresen circunstancias agravantes a multa podería chegar a 15.025 euros. En particular, a Xunta aclara que se considera "agravante" de "grave alteración sanitaria ou social" que a persoa en cuestión rompa a corentena para ir a eventos sociais multitudinarios, festas ou celebracións, estabelecementos abertos ao público ou a realización doutras actividades que impliquen a existencia de aglomeracións de persoas. Tamén se entenderá como circunstancia agravante o contacto estreito con persoas de carácter vulnerábel á enfermidade e aqueles casos nos que a conduta de incumprimento da corentena "non sexa illada, senón repetida".

Se a persoa que vulnera a corentena fose finalmente nese momento positiva por COVID-19, se  gradúa a sanción nos mesmos termos para as versións leve e media do incumprimento. Pero nesta conxuntura, se se apreciase a produción de "alteración, danos ou riscos sanitarios graves", a infracción sería considerada como moi grave e a sanción podería oscilar entre os 15.025 e os 120.202 euros.

Illamento

No caso de incumprir unha obriga de illamento, sempre que non existise contacto estreito ou relación con outras persoas, a infracción será considerada como grave e propoñerase a sanción no seu grao mínimo, polo que a súa contía será de entre 3.005 e 6.010 euros. Noutro caso, propoñerase a sanción no seu grao medio ou máximo, de forma que a multa podería chegar a 15.025 euros. E se houbese "alteración, danos ou riscos sanitarios graves", a vulneración sería considerada moi grave e, neste caso, a sanción podería ir desde os 15.025 ata os 120.202 euros.

A Xunta precisa que se considerarán as circunstancias agravantes de "grave alteración sanitaria e social" e de "número de persoas afectadas", entre outros, nos casos nos que rompa o illamento para ir a eventos, festas, estabelecementos abertos ou se fagan actividades que impliquen aglomeracións de persoas, especialmente cando o incumprimento provoque contaxios ou corentenas doutros.

Resistencia á autoridade 

Nos casos nos que se produce unha falla de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación e procura de contactos en casos de COVID-19, propoñerase unha sanción no seu grao mínimo que irá de 3.005 a 6.010 eurosPero se se aprecian agravantes, a multa endurecerase e poderá ascender de 6.010 a 10.517 euros no seu grao medio, e alcanzar ata os 15.025 euros no seu grao máximo.

A orde publicada no DOG, que entra en vigor de inmediato, determina que corresponderá aos funcionarios das xefaturas territoriais da Consellería de  Sanidade e ao persoal da Inspección de  Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou da Dirección Xeral de Saúde Pública que se designe para o efecto desenvolver a instrución destes procedementos sancionadores.