Até 12 organizacións reclaman nun manifesto ''soberanía'' para acabar ''co atraso secular'' da Galiza

[Imaxe: Maia]

Agir, Bloque, Briga, Causa Galiza, CIG, COG, Comités, Fruga, Galiza Nova, Isca!, Liga estudantil e Nós-UP fan pública unha declaración conxunta co gallo do Día da Patria. É a segunda acción que promoven conxuntamente após a manifestación do 3 de Marzo


"Na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos como pobo e como nación" e o "atraso secular" que carrexa Galiza deriva "da explotación económica, da dominación política e da asimilación cultural" á cal se ve sometida por España, un estado que non permite o exercicio do dereito de autodeterminación recollido nos tratados e protocolos internacionais.

Nestes termos foi redactado o manifesto conxunto en prol da soberanía para o pobo galego que veñen de facer público 12 organizacións que o 3 de marzo promoveron unha mobilización conxunta baixo o lema 'Fronte á corrupción e á destrución social e cultural, soberanía nacional'. Así, asinan o escrito Agir, Bloque, Briga, Causa Galiza, CIG, COG, Comités, Fruga, Galiza Nova, Isca!, Liga estudantil e Nós-UP. 

Todas cadran no seu convencemento de que a situación social e actual do noso País "sería outra" se posuíse un sistema financeiro propio e se puidese facer parte de maneira directa e sen intermediarios nas negociacións que se realizan en Bruxelas ao redor das políticas agrogandeiras, pesqueiras "ou as que están a rematar co noso sector naval".

Soberanía, o único camiño

Reafírmanse tamén no que xa adiantaran o 4 de marzo, facendo valoración da mobilización conxunta: que a consecución dun Estado propio, a proclamación "da República galega", é a "única maneira" de frear o embite das políticas neoliberais. 

Co gallo do Día da Patria, congratúlanse do nacemento e dos primeiros pasos da iniciativa social Galiza pola Soberanía (GpS), da cal fan parte integrantes de todas as organizacións mencionadas, e aplauden tamén "os pasos dados na unidade de acción".

Dito isto, chaman á cidadanía galega a facer parte das mobilizacións convocadas polo soberanismo de esquerdas tanto o 24 coma o 25 de Xullo, así como a pendurar das xanelas a bandeira galega, "emblema nacional da nosa única Patria".

Todas agás Anova

As forzas asinantes constitúen a práctica totalidade das organizacións soberanistas de esquerda. Quen fica fóra é Anova, que tampouco estará na manifestación conxunta das forzas nacionalistas xuvenís que se realizará o 24 de Xullo, a véspera do Día da Patria Galega.