Atacan a exposición do Día Mundial das Persoas Refuxiadas instalada na Alameda de Compostela

Danos na exposición dedicada ás personas refuxiadas e migrantes na Alameda de Compostela (Foto: Concello de Santiago / Europa Press)

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, que salientou "a efectividade das campañas de odio artelladas con mentiras e desinformación", pediu aos habitantes da capital do país que mostren a súa condena ao ataque e acudan á inauguración do 24 de xuño, así se reparen os paneis. Hoxe, 20 de xuño, é o Día Mundial das Persoas Refuxiadas.

A exposición do Día Mundial das Persoas Refuxiadas instalada no parque da Alameda de Compostela sufriu un acto vandálico esta fin de semana. Os paneis, onde se recolle o nome das 40.555 persoas inmigrantes falecidas das que se ten coñecemento até o 11 de xuño de 2020, apareceron esnaquizados e con evidentes mostras de ser golpeados.

O sábado, 19 de xuño, comunicouse o ataque a tres destes paneis e durante a mañá do domingo ─20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas─ notificouse un novo incidente noutros catro. Os servizos municipais xa ordenaron a retirada dos restos potencialmente perigosos para os viandantes.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, expresou a súa condena e a de todo o Concello ao acto de vandalismo, e declarou que o Goberno local levará o tema á xunta de portavoces desta segunda feira como unha "declaración institucional", co obxectivo de que sexa aprobada na sesión plenaria do mes de xuño.

"O Concello considera que ante este tipo de delitos de odio que cuestionan a vida e os dereitos das persoas migrantes non se pode permanecer impasíbel", afirmou Castro.

Pola súa banda, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, entidade colaboradora na exposición, sumouse á condena do Concello e considera que este ataque "é unha mostra máis da efectividade das campañas de odio artelladas con mentiras e desinformación".

A asociación lembrou que as persoas inmigrantes "vense obrigadas a fuxir dos seus fogares por motivos que ampara a lexislación internacional".

Compromiso coa inauguración

A exposición, organizada pola Concellaría de Políticas Sociais, a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), forma parte das actividades promovidas polo Concello da capital do país en apoio ás persoas migrantes e refuxiadas.

O Goberno local lembrou o seu compromiso co "desenvolvemento de políticas a favor do apoio e soporte aos inmigrantes e refuxiados que residen en Santiago", así como con "promover a súa integración e benestar" a través da UAMI.

Ademais, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas pediu aos habitantes de Compostela que mostren a súa condena ao ataque e acudan á inauguración da exposición que terá lugar o 24 de xuño, unha vez os paneis esnaquizados sexan reparados.

1% da poboación mundial

Cada minuto, 20 persoas déixano todo para fuxir da guerra, a persecución ou a violencia. O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR) estima que 82,4 millóns viven como desprazadas forzosas no mundo, unha cifra sen precedentes históricos e que equivale a 1% da poboación mundial.