Cando vai ter lugar a manifestación

Atacan o comercio dun integrante da plataforma Mina Touro-O Pino Non

Cunha pintada de “Mina Si” amencía o local comercial dun integrante da plataforma Mina Touro-O Pino Non, a tan só dous días da mobilización que ten convocada o colectivo para este domingo en Compostela.

“Crónica dunha ruptura social anunciada en Touro”. Así comeza a denuncia pública que fai a Asociación Aldea Viva logo de que o comercio dun integrante da plataforma Mina Touro-O Pino Non, radicado en Touro, amencese na mañá do sábado coa pintada “Mina Si”.

 

Aldea Viva informa de que coa chegada de Cobre San Rafael a Touro “a convivencia entre a veciñanza foise deteriorando pouco a pouco” e advirte de que “todo comezou coa creación de numerosos perfís falsos creados nas redes sociais por parte de persoas asociadas á promotora da mina”. Acúsanos de verter “provocacións e comentarios tendenciosos que buscan a confrontación e rozan o absurdo”.

 

O colectivo tamén denuncia as “declaracións incendiarias” do director do proxecto, Alberto Lavandeira, así como a actitude do alcalde Ignacio Codesido (PP), quen “incendiou aínda máis a situación rachando un papel coas demandas da veciñanza” e quen acusou a veciñanza de estar politizada.

 

A pintada na fachada do negocio do particular membro da plataforma ten lugar dous días antes da mobilización convocada por Mina Touro-O Pino non, que partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela, e días após ADEGA poñer de manifesto o risco de contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera… así como de derrubamento que comportaría a mina, segundo se desprende dos informes sectoriais da Xunta sobre o proxecto mineiro.

 

A plataforma avisa, a respeito da pintada, nas redes sociais: “Nin nos van calar nin nos van parar”.