Atacada a sede da Marea Atlántica

A sede da Marea Atlántica na Coruña despois do ataque. Foto: Sermos Galiza.

A sede da Marea Atlántica, na Praza do Humor da Coruña, amenceu este sábado coas vidreiras escachadas, lastras por toda a parte, pintadas e grandes estragos no interior.
 

O ataque sucedeu de noite e a primeira hora da mañá, a Policía Local xa estabelecera un perímetro de precinto arredor do local, que se atopa na céntrica Praza do Humor.

 

Ademais dos desperfectos no exterior, o interior das instalacións tamén amosaban danos. As pintadas na fachada contiñan mensaxes de apoio ao movemento okupa.

 

O suceso aconteceu dous días despois do despexo do CSO A Insumisa. Ese dia, a Policía Local cargou contra as persoas que protestaban contra o desaloxo. Á tarde, as cargas repetíronse, desta volta a cargo da Policía Nacional.