Aspirantes a realizar tarefas de rastrexo denuncian as condicións de acceso: maior demanda e maior precariedade

Rastrexadoras da Escola Naval Militar de Ferrol dan apoio á Xunta a través da Misión Baluarte. (Foto: Armada Española)
A terceira vaga da Covid-19 multiplicou o número de contaxios en poucos días. As necesidades de rastrexo incrementáronse e a empresa responsábel do servizo acelerou a busca de operadores. Aspirantes a contratos eventuais de tres semanas denuncian as condicións de acceso: precarias e sen formación suficiente.

Un ano despois da declaración da pandemia, o rastrexo de contactos segue a ser unha peza chave para o control do coronavirus e a ruptura das cadeas de transmisión da doenza. Coa explosión da terceira vaga de contaxios, após as festas de Nadal, a localización de persoas que mantiveron un contacto estreito cun caso positivo reivindicouse, de novo, como un labor fundamental para tratar de frear o avance da infección. Mais tamén volveu pór en evidencia as eivas dun sistema discutido desde a súa posta en marcha.

O CSC, baixo segredo

A opacidade marcou desde a súa orixe a creación do Centro de Seguimento de Contactos (CSC) que o Goberno galego anunciou no mes de maio "cun equipo inicial de 20 operadores" e o compromiso de amplialo até os 50. Apenas mes e medio despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que máis de 6.000 persoas realizaban tarefas de control dos contactos de casos confirmados. Unha cifra que rebaixou até os 700 no mes de novembro, en resposta a preguntas da oposición; 700 entre persoal dos servizos de Medicina Preventiva, Primaria, Xefaturas Territoriais, do CSC mais dos corpos militares.

Malia todas as reservas da Administración galega, sempre remisa a dar o nome da entidade responsábel da plataforma tecnolóxica encargada do rastrexo e a súa composición, entón xa era sabido que o Grupo Konecta operaba para o Sergas desde as súas instalacións en Bergondo a través dunha empresa de telemárketing. 

O primeiro servizo que asumiu foi a xestión do teléfono 900400116 de información sobre a Covid-19 habilitado pola Xunta da Galiza e, pouco despois, os servizos de seguimento e control das persoas que tivesen contacto cun positivo por coronavirus.
Caos e máis críticas

O labor de rastrexo acusou desde o primeiro día a falta de transparencia, á que axiña se sumaron as críticas de persoas usuarias mais de profesionais sanitarios: caos, esperas, ausencia de resposta, falta de axilidade, descoordinación, escaseza de recursos. 

Marta (nome ficticio) incorporouse como rastrexadora ao CSC no mes de outubro despois dun período de formación de dúas semanas nas que ademais de familiarizarse cos protocolos sanitarios do Sergas tamén aprendeu o manexo do programa de seguimento e practicou distintos supostos para chegar a atender as dúbidas e consultas das persoas afectadas polo coronavirus.

Chamadas moi serias

Non conta con titulación sanitaria mais tampouco a bota en falta para atender un labor que considera "moi serio" e que non se pode afrontar "da noite para a mañá", sen saber como resolver moitas das preguntas que poden facer. "Temos chamadas moi serias, de xente con problemas reais, con familiares en UCI.

Tes que coñecer moi ben os protocolos. Non é chegar e encher. Non podes dubidar", declara a Nós Diario. "Eu sei de xente que rexeitou o traballo, chorando, porque non se vía preparada para asumir certas situacións que se dan ao teléfono", incide.

Marta accedeu ao CSC ás portas da segunda vaga de contaxio. Nos inicios da terceira, en xaneiro, chegoulle a oportunidade a Mónica (nome ficticio). "Souben da oferta por un amigo. Enviei o currículo unha mañá e á tarde xa me chamaron. Citáronme a primeira hora do día seguinte para unha sesión de formación de cinco horas e comezar xa a traballar".

Acudiu a unha formación acelerada de cinco horas no polígono de Bergondo. "Mentres nos explicaban como íamos ter que proceder, sen tempo para asimilar nada, xa nos fixeron chegar por email os horarios que entraban en vigor ao ía seguinte. Mais ninguén nos falara aínda das condicións de traballo".

Frustración

Nas mesmas datas, Sofía (nome ficticio) viviu unha experiencia similar. Unha convocatoria urxente e unha formación apresurada para comezar de inmediato.

"Todo era vago e impreciso. Moi confuso. Pareceume surrealista", comenta. "Non era forma de proceder nin de asegurar o funcionamento dunha tarefa tan importante", na que entra en xogo a saúde das persoas, o control dunha pandemia e "a protección de datos", engade.

Desde o primeiro momento soubo que aquilo non era para ela. Tampouco para Mónica, que despois de exixir máis información e pedir ver de perto o traballo das teleoperadoras, rexeitou un contrato de tres semanas. "Eventual e precario, de 39 horas semanais, lonxe dos 1.000 euros, sen extras remuneradas e fins de semanas alternas", explica. 

Ambas as dúas confesan frustración e denuncian o uso dunha situación de emerxencia para se aproveitar, tamén, das persoas desempregadas e das súas necesidades económicas. "Non todo vale. E menos que se dediquen a sacar cartos dun problema", di Sofía.

"Levamos así toda a campaña da Covid"

"A terceira vaga obrigou a meter moita xente moi á présa", afirma a Nós Diario Carlos Parrondo, delegado da CIG de Konecta en Bergondo. Deuse unha contratación moi alta en condicións moi precarias, advirte, con contratos de 10 ou 15 días en fraude de lei. "Co mes de  decembro comezou unha contratación masiva", engade a delegada de CCOO, Pilar Pérez Blanco. "Chegamos a ser sobre 500 persoas entre rastrexadores e liña 900. As contratacións fixéronse dun día para outro. En cuestións de horas puñan a xente a traballar. Pero a campaña da Covid leva un ano e foi así desde un principio. Só que a urxencia declarada coa terceira onda acelerouno todo".

O proceso orixinou certos desaxustes que os propios compañeiros resolveron ante a falta de persoal de apoio e, con protocolos novos cada semana, afirma. "Houbo momentos de caos" agravados pola calidade da contratación, di. "Con contratos eventuais por circunstancias de produción cando o que debían ser por obra, segundo convenio. E con despidos fóra da lei por non superar o período de probas, en función das necesidades. Un despropósito".