Asociacións LGTBQI+ ven un “asasinato social” no suicidio dunha moza de Rois

Imaxe de arquivo de bandeiras en defensa do colectivo LGTBQI+. (Foto: Europa Press)

Máis de dez entidades asinan un comunicado para denunciar os abusos que padecía esta rapaza “por ser bisexual”. Culpabilizan tanto ás persoas que abusaban dela como a aquelas que non a defenderon.

O suicidio dunha moza de 17 anos de Rois foi un “asasinato social”. Así o ven máis dunha decena de entidades de defensa dos dereitos do colectivo LGTBQI+, que escribiron un comunicado conxunto para lamentar este falecemento.

No documento, as asociacións vinculan o feito de que a rapaza se quitara a vida co bullying e acoso escolar que tiña sufrido na súa etapa estudantil. Din que era vítima de abusos das e dos compañeiros “por ser bisexual”.

“Todas e cada unha das persoas que a odiaban por ser bisexual, e que o demostraron, son as súas asasinas”, indican desde o colectivo.

Porén, as asinantes tamén fan foco naquelas persoas que “tampouco a axudaron”, pois tamén as ven como responsábeis. “Miraron cara outro lado cando era agredida, por medo ou por indiferenza”, lamentan.

“Todas as persoas con capacidade para actuar, que sabían o que acontecía, pero non tomaron posición nin se implicaron o suficiente son cómplices do seu asasinato”, inciden dunha forma categórica.

Neste sentido, as organizacións recordan que a moza era unha menor e que con 17 anos “é difícil facer fronte ou escapar dun entorno hostil”, e mais nunha localidade pequena “onde todo o mundo” sabe quen es.

Desde o seu punto de vista, é criticábel que neste tipo de núcleos residenciais “ninguén, ou casi ninguén, levanta a voz para defender a quen transita camiños de minorías, a quen vai contra a corrente procurando sinxelamente ser como é, pelexando cada día polo seu dereito para ser tan feliz como calquera”.