A asociación Xornalistas Galegas preséntase este sábado en Compostela

Xornalistas Galegas na sinatura do seu manifesto en xullo

Este sábado, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o acto de presentación do colectivo formado por máis de 200 mulleres do sector comunicativo galego. Será ás 11 da mañá e estará aberto ao público.

 

No evento contarán co apoio de Margarita Ledo e Rosa Cobo, feministas e comunicadoras galegas, que darán comezo a unha serie de palestras. Dende a organización indican que unha mesa redonda de mulleres destacadas na súa profesión responderá a pregunta: Por que é necesario un xornalismo con perspectiva feminista?. Estará moderado pola xornalista Antía Díaz e contará con nomes como Paz Filgueira, Joana Magalhães, Alba Nogueira, Silvia Pérez Freire, María Xosé Porteiro e Elena Roca.

 

O movemento xurdiu como resposta á plataforma española Las periodistas paramos para denunciar a falta de perspectiva feminista nos medios e a ausencia de mulleres nas esferas da alta dirección, malia ser maioría de graduadas nas facultades de comunicación.