A Asociacion pola Defensa da Ría denuncia os niveis de ruído de Ence

Plante de celulosas de ENCE (Foto: Augamorta)

A cidadanía mostra a súa preocupación non só pola contaminación acústica, senón tamén polo feito de que “este aumento no nivel de ruído teña que ver cun mal funcionamento da fábrica, o que podería levar a algún incidente de gravidade”.

Un grupo de veciñas e veciños da parroquia de Lourizán contactaron coa Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para informar de que nos últimos tempos “a fábrica de ENCE a carón das súas vivendas está facendo moito ruído, moito máis do que fai normalmente, que xa é moito”.

A preocupación destas persoas vai alén da contaminación acústica, pois temen que “este aumento no nivel de ruído teña que ver cun mal funcionamento da fábrica, o que podería levar a algun incidente de gravidade”.

A APDR denuncia que “esa contaminación polo ruído non só supón unha evidente molestia para as persoas que a padecen, senón que, ademais, en moitas ocasións ten efectos importantes na saúde das persoas, provocando alteracións do soño e do carácter, nerviosismo e comportamentos que chegan a ser patolóxicos”.

Desde a APDR consideran que “debería facerlle caer a cara de vergoña aos directivos da fábrica (e a quen defenden os seus intereses particulares fronte ao interese xeral da poboación), que difunden con publicidade encuberta esa pretensiosa e mentireira denominación de biofábrica para unha empresa que despreza á veciñanza”. “Recomendámoslle que, en tanto non deixen e molestar co ruído ás persoas veciñas, adopten o termo ruídofábrica, sen dúbida moito máis axustado á realidade, concluén, non sen demandar das administracións que “investiguen” e “adopten medidas”.