A Xunta recoñece que o Monte Pindo "non está entre as prioridades"

[Imaxe: SOS Monte Pindo]

Así o sinalou a encargada da xestión directa deste espazo, a nova directora xeral de Conservación da Natureza, nunha reunión coa asociación Monte Pindo. Desde o colectivo quéixanse do nível "descarado" de "desprezo" amosado pola alto cargo.


Hai pouco máis dun mes, o activista da asociación Monte Pindo Mario Maceiras anunciaba nunha entrevista en Sermos Galiza "cen días de cortesía" para Verónica Tellado, nova directora xeral de Conservación da Natureza da Xunta da Galiza. Aliás, Maceiras confiaba en que Tellado "non herde o desleixo do seu antecesor no cargo".

Non fixeron falla os cen días. Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, a asociación, que mantivo esta cuarta feira 8 de xaneiro unha reunión coa alto cargo, denuncia o nível "descarado" de "desprezo" amosado cara a este espazo natural e subliñan que tería aceptado a xuntanza "para quitar de enriba os veciños" e "para cubrir o expediente".

Se Tellado tivese na súa man aprobar unha declaración de parque natural nesta lexislatura "non sería o Monte Pindo" porque este espazo "non está entre as miñas prioridades". Así de taxativa foi como se amosou a directora xeral na reunión coa veciñanza sen preguntar pola restauración do monte após o incendio do ano pasado nin ofrecer alternativa ningunha á declaración de parque natural. Os traballos en prol da recuperación da superficie queimada foron paralizados pola propia Xunta perante a ameaza de multas á asociación. 

Após este espazo natural ficar reducido a cinzas, Tellado aceptou recibir a veciñanza, que solicitara esta reunión hai máis dun ano. Organizad@s na asociación, transladáronlle máis unha vez a exixencia de declarar o Monte Pindo como parque natural, a única figura de protección "democrática e participativa" que garante e contratación de persoal e que obriga a comprometer investimentos. Porén, a Xunta volveu descartar tal declaración. A asociación Monte Pindo dá por "esgotada" a vía do diálogo.