Xornadas en Compostela

A asociación O Galo reflexiona sobre o feminismo poscolonial

Manifestación en Vigo en xaneiro deste ano. Foto: GZ Contrainfo.
“Descolonizar corpos e territorios” é o obxectivo explícito das xornadas que a asociación cultural O Galo organiza en Santiago de Compostela entre o 2 de outubro e 9 de novembro e que se propoñen en sete sesións reflexionar sobre o denominado feminismo poscolonial.

A etiqueta feminismo poscolonial agrupa aquelas correntes que pensan nos efectos da dominación colonial e racista sobre as mulleres en principio non occidentais. Para esta heteroxénea escola, a muller non pode definirse unicamente polo xénero e cómpre ter en conta a raza, a clase, a etnia ou a orientación sexual. Entre as súas teóricas máis salientábeis atópase a india Gayatri Spivak -autora do clásico ensaio Pode falar a subalterna?-, as afroamericanas bell hooks e Audre Lorde, ou, máis recentemente, a arxentina Rita Segato.

As xornadas do Galo, organizadas coa Deputación da Coruña, dirixidas por Purificación Cabido, e de título completo Noutrén: feminismo poscolonial. Descolonizando corpos e territorios, serán ás oito do serán na Casa do Taberneiro (rúa San Pedro, 15), agás a do 9 de novembro, que será ás 12 da mañá. O programa é este:

2 de outubro. Feminismo poscolonial: A interseccionalidade desde o vivencial. Descolonizando territorios e corpos 1. Os corpos disidentes. Jeane Costa e Lucrecia Masson.

9 de outubro. Lugares do feminismo: de onde, cara onde, o aquí... o noutrén? Lola Ferreiro Díaz e Lupe Ces.

16 de outubro. Feminismo poscolonial: A interseccionalidade desde o vivencial. Descolonizando territorios e corpos 2. Identidades e territorios. Maria Fidalgo e Rut León.

23 de outubro. Feminismo poscolonial: activismo e coidado da vida. Erea Blanco e Rebeca Raso.  

30 de outubro. Feminismo poscolonial: A interseccionalidade desde o vivencial. Descolonizando territorios e corpos 3. Feminismo transgresor. Laura Bugallo, Daniela Ferrández e Cristina Palacios.  

6 de novembro. Feminismo poscolonial: Descolonizando territorios e corpos. A soberanía feminista. Estratexias. Ximena González, Iraitz Agirre Aranguren e María Reimóndez.

9 de novembro. Mulleres e feminismo en Compostela. Roteiro guiado polas rúas de Compostela que ademais contará con música, poesía e teatro. Saída da Praza 8 de Marzo.