Defensa da Sanidade Pública carga contra sindicatos que "aproveitan" para "incrementar a privatización"

Protesta do sindicato médico O'Mega ás portas do Parlamento da Galiza.
A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública denunciou nesta terza feira que sindicatos e colexios médicos "aproveiten" as mobilización populares en defensa da Atención Primaria para fomentar o "incremento da privatización" da Sanidade. 

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) afea o Consello Galego de Colexios Médicos e "algúns sindicatos corporativos" que "aproveiten" as mobilizacións sociais a favor da Atención Primaria para elevar á Xunta unhas reivindicacións que, ao seu xuízo, buscan "incrementar a privatización".

A Agdsp emitiu esta terza feira un comunicado no que carga en alusión velada – aínda que si menciona directamente aos colexios médicos – contra sindicatos como O'Mega, que se reunirá durante a tarde desta terza feira coa directora xeral de Recursos Humanos do Sergas para demandar, entre outras cuestións, que permita cobrar o complemento específico – uns 900 euros mensuais – a facultativos que compatibilizan o seu labor na sanidade pública e na privada.

Con todo, esta asociación, que forma parte da Plataforma SOS Sanidade Pública, tamén lamenta que a Consellaría de Sanidade se abra a flexibilizar o réxime de incompatibilidades dos médicos do Sergas para que poidan exercer na concertada, algo que "supón un incumprimento flagrante da lei de incompatibilidades".

"O acordo permitirá traballar nun hospital público e noutro concertado da mesma área, aínda que para salvar a cara [o Sergas] di que non poderán intervir nos lotes de servizos concertados, algo imposíbel de controlar", advirte a Agdsp.

Todo iso ocorre mentres a Xunta "non permite abrir os hospitais públicos pola tarde" para aliviar as listas de agarda, á vez que "empurra os seus profesionais para traballar nese mesmo horario" nos centros concertados dados os "baixos salarios" dos públicos.

Neste contexto, a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública lamenta que "os sindicatos corporativos e colexios profesionais pretendan suprimir o complemento que premia a dedicación exclusiva" no Sergas. "Non nos deixemos enganar máis, estes sindicatos e colexios médicos non son os nosos aliados, teñen intereses contrarios aos da poboación e da gran maioría dos médicos, implicados coa sanidade pública", conclúe o comunicado.