As ONGs cifran en 3.600 as persoas sen fogar en Galiza. Unhas xornadas analizan a súa situación

As xornadas, que decorren en Santiago, teñen como finalidade tanto achegarse a esta realidade como amosar e debater diferentes iniciativas políticas e sociais ao respecto.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) en Galiza había en 2015 perto de 2.000 persoas sen fogar, unha cifra que desde a ONG Cáritas elevan a máis de 3.600. Outras fontes indican que Galiza era, en 2012, o quinto territorio con maior número de persoas sen fogar no Estado e a segunda en relación á súa poboación, contabilizando 133 sen teito por cada 100.000 habitantes. Durante o 2015, a Cruz Vermella atendeu no noso país a 1.258 persoas sen fogar, das que 1.031 son homes e 227 mulleres.

O vindeiro día 27 de outubro, terá lugar en Compostela a primeira xornada sobre a situación das persoas sen fogar, organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago de Compostela e a Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

A xornada ten como finalidade principal xerar un espazo para o achegamento de experiencias, moitas delas en primeira persoa, sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, así como amosar diferentes iniciativas políticas e sociais que se están levando a cabo a nivel galego e estatal para a atención e xestión desta problemática.

O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudo e asistencia do senfogarismo a nivel estatal. José Manuel Caballol, presentará Housing First do programa Hábitat da Fundación RAIS, un modelo innovador que propón unha forma diferente de afrontar o senfogarismo: facilitar viviendas accesibles e con carácter permanente ás personas sen fogar que se atopan en peor situación. Aínda na sesión matinal da xornada presentarase o traballo que realizan en Compostela diferentes entidades como a Cociña Económica, Centro Vieiro, o Albergue Xoan XXIII, Cruz Vermella ou FEAFES.

 A psiquiatra Lucía del Río ou Antón Bouzas, do Colectivo Os Ninguéns de Vigo e membro da xunta directiva do CEESG (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia), serán outros dos participantes Lagarder Danciu falará sobre a ‘Criminalización da pobreza e visibilidade do senfogarsimo: redes sociais e medios de comunicación’.