"Asistimos a un medre desproporcionado e inxustificado do voluntariado nas actuacións arqueolóxicas"

O sector da arqueoloxía constitúe comisión mixta do convenio para combater o intrusimo profesional e incumprimentos laborais. 

A Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) e a Asamblea de Traballadores de Arqueoloxía de Galiza (ATAG), como representantes das partes asinantes do segundo convenio galego do sector, fconstituíron hai unhas semanas a comisión mixta paritaria. Na súa opinión, a comisión é unha ferramenta fundamental na loita contra o intrusismo profesional e os incumprimentos laborais. Nesta liña, algúns dos primeiros acordos acadados na súa reunión constitutiva pasan: dunha banda, por “rexeitar rotundamente o voluntariado no ámbito da actividade arqueolóxica” e, doutra, “a posta en marcha dunha campaña de denuncias ante a Inspección de traballo das infraccións ou violacións do convenio”.

“Nos últimos anos asistimos a un incremento desproporcionado e inxustificado do voluntariado nas actuacións arqueolóxicas, ás veces incluso, baixo a dirección de profesionais alleos á arqueoloxía, poñendo en serio risco o rexistro arqueolóxico de moitos dos xacementos nos que se ten intervido”, indican.

Outro dos principais acordos acadados na primeira xuntanza da comisión mixta paritaria, informan desde a CIG, é a posta en marcha dunha campaña de denuncias ante a Inspección de Traballo, frente aquelas empresas e profesionais da arqueoloxía, Administracións públicas, asociacións e/ou entidades privadas que transgreden, rexeitan, incumpren ou violan o convenio colectivo en vigor .

Durante a primeira xuntanza da comisión tamén se analizaron outros temas, como a posta en marcha dunha bolsa de emprego no sector ou a creación da Tarxeta Profesional do Sector da Arqueoloxía e a realización de cursos de formación, entre outras..