Asinado o acordo de doazón da biblioteca de Nemesio Barxa ao Concello de Viana do Bolo

Acto de aceptación da doazón da biblioteca persoal de Nemesio Barxa ao Concello de Viana.

O legado, cuantificado en 7.000 exemplares, será instalado na biblioteca municipal para o seu acceso público após a súa defunción

Un dos bos e xenerosos. Esa é a definición que o alcalde de Viana do Bolo, Secundino García, dá de Nemesio Barxa. O avogado e membro do consello de administración de Sermos Galiza asinou esta cuarta feira un acordo co seu Concello natal que oficializa a doazón post-mortem seu patrimonio bibliográfico, composto por máis de 7.000 exemplares. “Foi un acto entrañábel e emotivo, de agradecemento e recoñecemento á súa persoa polo Concello que o veu nacer”, explica García.

 

O rexedor declara que, para Viana do Bolo, “é un orgullo e unha honra, e aproveito para dar de novo as máis efusivas grazas”. O fondo conta con ensaios, novelas, volumes sobre arte, historia e mesmo coleccións completas de revistas como Agália ou Tempos Novos. A maior parte desta biblioteca consiste en libros en galego, castelán ou portugués, mais tamén hai espazo para tomos en italiano, francés e inglés.

 

Oxalá máis xente sexa tan xenerosa e teña ese corazón tan grande como ten Nemesio, que deixa en herdanza a súa biblioteca, esa bagaxe cultural de toda a súa vida en forma de libros para que poida ser disfrutada por todas as persoas que queiran

 

Após ser aprobada a súa aceptación por unanimidade nun plenario municipal, a biblioteca contará co seu propio espazo habilitado dentro da biblioteca municipal, e será de acceso e consulta pública. “Nemesio non pediu nada, só demandou un sitio onde puidese estar exposto e que todo o mundo puidese consultar”, aclara o alcalde.

 

Barxa naceu en Viana “un pouco por casualidade, polas circunstancias laborais dos seus pais, que eran mestres destinados na parroquia de Caldesiños durante a II República”, explica García. A pesares de non contar con antecedentes familiares, Barxa continuaría a manter vínculos persoais co seu lugar de orixe, que se reflicte nesta última vontade. “Oxalá máis xente sexa tan xenerosa e teña ese corazón tan grande como ten Nemesio, que deixa en herdanza a súa biblioteca, esa bagaxe cultural de toda a súa vida en forma de libros para que poida ser disfrutada por todas as persoas que queiran”, agradece García.

 

Aínda que o avogado xa disponibilizou parte dos fondos ao Concello, o alcalde espera que “tardemos moitos anos en dispoñer da súa totalidade, significará que Nemesio siga moito tempo con nós”.