Así traballan na UCI do CHUS: "Os pacientes decátanse de como entuban o do lado ou de como falece o de diante"

Unha sanitaria onte na UCI (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O persoal sanitario da UCI-A do Hospital Clínico de Santiago denuncia as condicións nas que teñen que traballar e que tamén sofren os pacientes. Camas separadas por cortinas, falta de material de recambio e de persoal nas unidades de coidados son algunhas de reclamacións que fan á Xerencia da área sanitaria e polo que levan en folga indefinida desde novembro.

Os pacientes decátanse de todo: de como intuban ao do lado, de como lle poñen un catéter ao da esquina ou mesmo de como falece o enfermo de diante”. Este é o testemuño de María José Rodríguez, que é técnica de coidados auxiliares de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico de Santiago, unidade de referencia para as persoas enfermas da Covid. Ela forma parte do persoal sanitario que leva 13 semanas en folga indefinida -con servizos mínimos ao 100%-  e con mobilizacións para esixir unhas instalacións e un equipamento que garanta a seguridade e calidade nas prestacións sanitarias, tanto para as profesionais como para as enfermas.


As dúas unidades de UCI coas que conta o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) son salas abertas de 15 camas que só dispoñen de dous cubículos de illamento por unidade, o resto das camas están separadas por cortinas e “isto supón un gran risco para os profesionais que están expostos ao contaxio da Covid”. Por iso esixen á Xerencia a creación dunha UCI-A con cubículos, “para que as sanitarias non teñamos que pasar 7 ou 10 horas cos equipos de protección individual e que os pacientes poidan ter maior seguridade e privacidade”, sinala Rodríguez. 

Promesas incumpridas
Durante o ano pasado o persoal sanitario chegara a un acordo coa Xerencia para que no mes de setembro puidesen ter unha nova UCI mais non se chegou a  acometer “porque dicían que non atoparon unha empresa que realizase esta obra” nun curto espazo de tempo, indica o doutor da UCI-A Alfonso Mariño. “Agora se nos fixo outra proposta que ten aínda menos garantías que a anterior, conta cun orzamento, si, pero aínda terían que sacala a concurso, esperar catro meses de burocracia máis os que pode levar construír a nova unidade, é dicir, que até 2022 non se chegaría a ver o resultado”, apunta. Ademais, os sanitarios reclaman que esta nova UCI se realice noutro lugar que permita ter a actual aberta dada a situación actual da pandemia. 
Alén das melloras nas instalacións da UCI, o persoal sanitario expón que a actuación da Xerencia é “totalmente irresponsábel e contraditoria cos plans de prevención fronte a Covid, pois as profesionais poden pasar da UCI-Covid á UCI-Limpa (unidade que existiu até mediados de xaneiro onde estaban os pacientes non contaxiosos de Covid pero que precisaban coidados intensivos) e mesmo a outros servizos do hospital; creando así un maior risco e unha trazabilidade moito máis complicada de controlar se se dá un positivo entre as profesionais”, explica Mariño. 
As condicións de traballo dignas é outra reclamación do persoal sanitario do hospital santiagués. “Temos que comprar as nosas propias gafas de protección para o EPI porque as que están no hospital é imposíbel ver por elas do reladas que están”, indica Rodríguez. As profesionais denuncian: “As condicións son esperpénticas”, xa que falta material de reposto de todo tipo e existen aparellos que non funcionan ou que funcionan mal, “case pasamos máis horas ao teléfono na procura do material que nos fai falla que atendendo os pacientes”. 

Máis persoal nas UCI
O empeoramento da situación sanitaria complica máis a situación. “Deberían asignarse os profesionais ás 15 camas que hai na UCI e non ao número de pacientes que están na unidade, xa que a evolución de estes cambia a cada momento e precisamos toda a xente aquí, e non noutras áreas a facer outras tarefas cando baixa un pouco a intensidade do traballo”, denuncia Rodríguez. "Precísase mínimo un doutor, tres enfermeiras e dúas auxiliares para facer o ingreso dun paciente na UCI e en moitos casos temos que andar a perder tempo valioso chamando por teléfono para ter ese persoal".