Así soa a voz de Castelao: O Consello da Cultura Galega publica o único documento sonoro conservado da voz do rianxeiro

Disco de lousa que conserva o único rexistro coñecido da voz de Castelao. (Foto: CCG)

Trátase da mensaxe que Castelao gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, con motivo da estrea de Os vellos non deben de namorarse.

O Consello da Cultura Galega (CCG) publicou na súa páxina web o único documento sonoro conservado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 — Bos Aires, 1950).

Segundo informou o CCG nun comunicado, é a mensaxe que Castelao gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, con motivo da estrea de Os vellos non deben de namorarse, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941 á que o non podía asistir.

Desta forma, esa gravación foi dixitalizada en decembro de 2024 e é, até o momento, o único rexistro coñecido da voz de Castelao.

"Apenas separados por un tabique non estou presente. Xa sei que as creacións do espírito non se adaptan á fronteira da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por encima das fronteiras", comeza a gravación de Castelao que se fixo nun disco de lousa para a presentación de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo.

Na mensaxe reivindica que as obras de arte levan impresas un selo dunha nacionalidade e define que "foi imaxinada para para a regalía do pobo galego".

A peza está acompañada dun texto do profesor do conservatorio superior de música de Vigo e membro do Arquivo Sonoro da Galiza Xaime Estévez, que explica e contextualiza as fotopostais, que caracteriza como un "curioso procedemento" promovido polo servizo de correos arxentino daquela época.