Saúde

Así é a revolucionaria vacina da tuberculose... con 'selo' galego

A vacina contra a tuberculose MTBVAC, actualmente en estudo. (Foto: Lalo R. Villar)
A vacina española da tuberculose, MTBVAC, inicia os estudos clínicos en persoas adultas na India, o país con maior incidencia desta enfermidade. O estudo está tutelado pola biofarmacéutica porriñesa Biofabri.

A vacina española da tuberculose, chamada MTBVAC, inicia os estudos clínicos en persoas adultas na India, o país máis poboado do mundo e o de maior incidencia desta enfermidade infecciosa. O estudo está liderado polo Goberno indio a través do Indian Council of Medical Research (ICMR) e pola compañía privada Bharat Biotech, baixo a tutela da biofarmacéutica galega Biofabri.

En concreto, trátase da primeira vacina viva atenuada de Mycobacterium tuberculosis illado dun humano, segundo informa o Grupo Zendal nun comunicado. Este ensaio continuado está dirixido a avaliar seguridade, reactoxenicidade e eficacia da vacina en adultos sans a partir de 18 anos de idade. Este mesmo domingo, 24 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Tuberculose, que causa anualmente máis de 1,6 millóns de mortes.

Biofabri, con sede no Porriño (comarca de Vigo), lembra que a única vacina hoxe en uso, BCG (Bacilo de Calmette e Guérin), consiste nunha variante atenuada do patóxeno da tuberculose en vacas. "Ten máis de cen anos e un efecto moi limitado en tuberculose pulmonar, responsábel da transmisión da enfermidade. De aí a necesidade de avanzar nesta nova vacina que suporá un fito na vacinoloxía mundial e que é un exemplo de colaboración público-privada, nacional e internacional", celebra.

"É un paso de xigante probar en adultos e adolescentes no país no que se acumula até 28% dos casos de tuberculoses a nivel mundial", asegura o CEO de Biofabri, Esteban Rodríguez. Asegura tamén que se necesita un maior esforzo e financiamento para combater a tuberculose, que segue a ser unha das principais causas de morte infecciosa no mundo.

Pola súa parte, o profesor Carlos Martín, investigador principal do proxecto 'Vacina Tuberculose', da Universidade de Zaragoza, subliñou: "A cooperación internación é esencial para lograr unha vacina eficaz contra as formas respiratorias da enfermidade, responsábel da transmisión respiratoria, e se MTBVAC mostra a súa eficacia en países endémicos, pode ser unha ferramenta clave para o control da tuberculose a nivel mundial".

Ensaios previos

Até chegar aos estudos clínicos na India, a vacina pasou pola chamada fase 3, en neonatos, que está a ser avaliada nun ensaio clínico dobre cego, controlado e comparado coa actual vacina BCG. Nesta fase, serán vacinados 7.000 bebés neonatos de Suráfrica, 60 de Madagascar e 60 de Senegal. Actualmente, xa se vacinaron máis de 1.900 bebés. O obxectivo é avaliar a inmunoxenicidade e a eficacia de MTBVAC administrada por vía intradérmica a crianzas nos seus primeiros días de vida.

Outro fito importante nesta vacina é o desenvolvemento da fase 2 de ensaios clínicos en adultos con VIH, un estudo clave para determinar se MTBVAC é segura nesta poboación e podería ser útil neste colectivo, dado que a tuberculose é unha das primeiras causas de morte. Está en marcha en 16 centros de Suráfrica, que contempla a vacinación de 276 adultos.