De erradicar as promocións sexistas a expulsar o agresor: así é o novo protocolo do lecer nocturno

#lecer #lecernocturno #lecer_nocturno #discoteca #alcol #festival #festa #submisión_química (Foto: Nós Diario)
Os locais que se adhiran loitarán contra as accións publicitarias sexistas, como as bonificacións en forma de bebidas para mulleres, e traballarán na prevención e a detección de condutas violentas e posíbeis agresións.

O Goberno galego analizou na súa reunión desta quinta feira o 'Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas', que aspira a profundar na prevención, detección e erradicación da violencia nos espazos de lecer nocturno como discotecas, salas de festa, pubs ou cafés-concerto, entre outros. De detallar o contido encargáronse tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, quen remarcou que o protocolo terá que ser asumido por todo o persoal -desde o de barra ao de seguridade- dos estabelecementos que se adhiran.

"Vai dirixido a previr todo tipo de agresións e determinar como actuar ante un caso", explicou o presidente galego na rolda posterior ao Consello da Xunta, antes de dar a palabra a Rivo, quen destacou que se actúa en varios ámbitos: desde erradicar accións publicitarias sexistas -como as bonificacións en forma de bebidas para mulleres-, como na prevención e na detección de condutas violentas. E unha vez recoñecidos os comportamentos violentos, fíxase unha serie de pactas para actuar, empezando por "priorizar" a atención ás vítimas. A continuación, se pauta identificarse como persoal do estabelecemento, non interrogar á vítima e evitar --sempre que o desexe-- que quede soa.

En canto aos agresores, se pauta avisar ás forzas de seguridade se é precisa a súa actuación e así o pide a vítima ou ben expulsalo do estabelecemento deixando claro que se trata dun local onde "non se tolera a violencia". "O obxectivo" para a Xunta é "seguir facendo da Galiza un lugar seguro e dar ferramentas contra a violencia, sexa do tipo que sexa".

"Tolerancia cero"

Rivo destacou que o documento é resultado dun proceso participativo no que se tiveron en conta as achegas do Observatorio contra a Violencia de Xénero e do Observatorio LGBTIQ , ademais das entidades representativas do sector do lecer noctura. Co reto da "tolerancia cero" a estas violencias, Rueda subliñou que o protocolo axudará a todos os estabelecementos que se queiran adherir -será posíbel a partir desta sexta feira-.

Todos os traballadores deberán coñecelo e os locais adheridos "contarán cun logotipo" coa lema Agresión OFF violencias "para que os clientes saiban que se trata dun local cun protocolo".

Máis en detalle, Rivo reiterou que o marco promoverá que os estabelecementos desenvolver iniciativas propias de prevención e sensibilización. E, ademais, os estabelecementos adheridos comprométense a non contar con publicidade ou criterios de acceso ao local discriminatorios e sexistas como prezos diferenciados para homes ou mulleres ou bonificacións en forma de bebidas para as mulleres.

Manifestacións violentas

En canto á detección, bríndanselles ás profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto, como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio. Nesta liña, Rivo explicou que a Xunta financiará un curso de dez horas de formación para todo o persoal dos locais adheridos.

En caso de ter que actuar, o protocolo ofrece pautas comúns para seguir por parte dos profesionais, que centran a atención na vítima ante unha situación potencialmente perigosa. Actuar con calma, de maneira inmediata, preservar a confidencialidade, acompañar ou informar os recursos con que conta a persona agredida son algúns dos aspectos protocolizados no documento.

Todos os estabelecementos de lecer nocturno que queiran adherirse a este protocolo poderán facelo desde esta sexta feira, 12 de xaneiro de 2024, a través da páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade (https://igualdade.xunta.gal).