Así é o novo protocolo Covid do Sergas

Test de antíxenos positivo (Foto: Nós Diario).
A Consellaría de Sanidade deixa esta segunda feira de rastrexar os contactos estreitos dos positivos. Isto é o que precisas saber sobre o novo protocolo Covid.

A Galiza deixou esta segunda feira, 7 de marzo, de rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de Covid-19, en virtude do acordo alcanzado entre os gobernos territoriais e o Ministerio de Sanidade, agás en "ámbitos vulnerábeis".

Así o explicaron a pasada sexta feira en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. "Após case dous anos de pandemia a volta á normalidade empeza a ser unha realidade", afirmou o titular de Sanidade, quen apelou a "facelo con sentidiño", co uso da máscara e outras medidas que "salvaron vidas". Ademais, agradeceu o traballo das e dos profesionais sanitarios que fixeron "posíbel" esta situación. No entanto, indicou que "preocupan" as secuelas, en especial no ámbito da saúde mental.

En concreto, García Comesaña cualificou de "paso moi importante" cara á "normalidade" a eliminación dos rastrexos dos casos estreitos tras decidir eliminar as corentenas desas persoas, se ben ve "incompleta" a medida ao non abordarse aínda a redución do illamento dos positivos, que a Xunta defende que baixe de sete a cinco días. "A Galiza vai cumprir o acordado", garantiu, ao tempo que Carmen Durán defendeu que "non é a maneira idónea de traballar" esta mudanza "só" das corentenas e contactos estreitos, mais incidiu na "absoluta lealdade" aos acordos.

Obxectivos do novo sistema

A directora xeral de Saúde Pública incidiu en que o protocolo que aplica a Galiza desde esta segunda feira ten como obxectivo "protexer a poboación máis vulnerábel e reducir as medidas na poboación xeral". En concreto, detallou que eses "ámbitos vulnerábeis" se circunscriben as áreas de hospitalización, residencias de maiores e persoas con diversidade funcional e centros de día e de diálese, alén de cárceres.

Por tanto, salvo que os contactos estreitos estean enmarcados nestes "ámbitos vulnerábeis", desde agora unicamente se fará seguimento dos casos positivos confirmados de Covid-19, quer a través dunha proba feita no propio sistema sanitario galego quer cun autotest, que se deberá declarar a través do teléfono 881 540 045 ou do formulario que facilita na súa páxina web o Sergas.

No caso das persoas pertencentes a eses ámbitos vulnerábeis, si fará o Sergas un seguimento da listaxe de casos estreitos. Alén dos residentes ou ingresados en hospitais ou residencias, será controlado o persoal con atención directa a outras persoas, incluíndo as e os traballadores do servizo de axuda no fogar. Deste modo, Durán incidiu en que as probas diagnósticas só se realizarán aos contactos estreitos de persoas de ámbitos vulnerábeis e a persoas con síntomas que se consideren casos de Covid-19.

"Autocoidado"

Carmen Durán lembrou que o Ministerio de Sanidade "recomenda ir cara ao autocuidado", para que os positivos que non están relacionados cos ámbitos vulnerábeis avisen aos seus contactos estreitos para "extremaren" as medidas de precaución. "Na Galiza nunca suspendemos o rastrexo", salientou, en relación á detección de contactos estreitos de positivos, para engadir que, a partir de agora, estes deberán recorrer ao "autocuidado".

Para eles, incide na importancia do uso da máscara en interiores e aglomeracións, evitar estar con persoas vulnerábeis, reducir as interaccións "o máximo posíbel" —ir só ao traballo e á compra—; así como insistir no lavado de mans.

No caso de que un contacto estreito teña síntomas, a doutora Durán puntualizou que pasa a ser un caso e esa persoa debe quedar "en illamento", e posteriormente se lle pedirá unha proba diagnóstica. A partir de entón, debe comunicarse co seu centro de saúde ou a través do teléfono 881 540 045 para a xestión do test. A directora xeral incidiu en que o autotest que confirma a Covid-19, que debe declararse a través do formulario na web do Sergas ou do mesmo teléfono indicado, "considérase positivo a efectos prácticos".

"Non nos podemos relaxar", subliñou Carmen Durán pese  á mudanza no sistema de vixilancia, á vez que instou a manter as recomendacións relativas ás medidas de prevención, mentres que "o manexo de casos vai seguir sendo igual".

Chamada do Sergas

No que atinxe á xestión de casos, Durán e García Comesaña explicaron que os positivos primeiro recibirán unha chamada telefónica do Centro de Seguimento, que lles lembrará as medidas a seguir pero que xa non fará a enquisa de contactos estreitos, e despois a dun profesional de Atención Primaria, que pode ser un técnico de saúde, o seu médico de Primaria ou un facultativo xubilado de reforzo.

Por parte da Atención Primaria realizarase unha nova chamada ao finalizar o proceso, actualmente aos sete días do positivo, lembrou o conselleiro, quen puntualizou que é posíbel "no mesmo acto" da primeira comunicación facilitar baixa e alta de consideralo necesario. Neste caso, o profesional de Atención Primaria, ademais de preguntarlle como está e se ten síntomas, facilitaralle o parte de baixa se o paciente positivo o necesitase, e daralle as instrucións a seguir.

Este novo protocolo revisarase e modificarase, puntualizou o responsábel de Sanidade, en función das decisións que adopten os gobernos territoriais co Ministerio de Sanidade a próxima semana en Zaragoza. García Comesaña apelou ao "sentidiño", após detectarse no final da pasada semana un lixeiro incremento dos casos activos na Galiza, que enmarca nas "interaccións" durante as celebracións do Entroido.

Por iso, a Consellaría de Sanidade chama a "evitar aglomeracións", vacinarse contra a Covid-19 e usar a máscara en interiores e zonas concorridas. "Os datos deste tres días non son tranquilizadores", admitiu, á vez que recoñeceu que ese aumento "preocupa", para desexar que "oxalá ese incremento remita nos vindeiros días".