Así foi a mobilidade cotiá dos galegos na pandemia

Control da Garda Civil con motivo das restricións. (Foto: Europa Press)

O máximo de mobilidade cotiá na Galiza desde o inicio da pandemia foi o 15 de xullo. Esa data, unha de cada catro persoas na Galiza saíron da súa área de residencia, fronte ao 5,97% do 5 de abril, en pleno confinamento

O 15 de xullo de 2020 atinxiuse o máximo de mobilidade cotiá desde o inicio da pandemia en Galiza, cun 22,91% de persoas saíndo da súa área de residencia, segundo os estudos de mobilidade da poboación a partir da telefonía móbil 2020-2021.

Pola contra, o mínimo deuse o 5 de abril, cun 5,97% de persoas saíndo da súa área de residencia. Mentres, o 23 de decembro do pasado ano, a mobilidade situouse no 17,53%.

A 26 de maio de 2021, o último dato dispoñíbel, a porcentaxe alcanza o 19,36%. Por áreas, a de Barro e Pontevedra chega ao 27,36% de mobilidade cotiá, mentres que a de Santiago de Compostela e Trazo, outra das máis elevadas da Galiza, sitúase no 26,45%.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) retomou esta quinta feira a publicación de estudos de mobilidade da poboación para partir do posicionamento dos teléfonos móbiles, con datos que se actualizarán cada semana.

A mobilidade analízase desde dúas perspectivas, a primeira, a mobilidade cotiá, dous días por semana, todas as cuartas feiras e domingos desde o 3 de xaneiro ata o 29 de decembro de 2021, ambos inclusive -neste apartado publícanse esta quinta feira os datos ata o pasado 26 de maio-.

A segunda perspectiva é a mobilidade estacional da poboación residente no Estado español, tomando como referencia dous días concretos do verán (17 de xullo e 15 de agosto), e dous días concretos do inverno (21 de novembro e o día de Nadal). 

A porcentaxe de poboación que en días laborábeis desprazou fóra da súa área de residencia durante as horas centrais do día durante o segundo semestre de 2020 foi moi inferior ao rexistrado en 2019.

Así, a nivel estatal esta porcentaxe mantívose practicamente toda a segunda metade de 2020 na contorna do 20%, fronte a niveis próximos ao 30% nunha semana "normal" do ano 2019 (en concreto a semana do 18 ao 21 de novembro, que foi a tomada como referencia). O máximo de mobilidade cotiá alcanzouse o 15 de xullo de 2020, cun 22%. No caso galego, esta data a mobilidade cotiá chegou ao 22,91%.

A principios de xaneiro de 2021 apenas o 10% da poboación saíu da súa área de residencia en días laborais, coincidindo coa terceira onda da pandemia e o temporal Filomena. Esta porcentaxe empezou a crecer a partir de mediados dese mes, alcanzando niveis do 20% a partir de abril.