Así se celebra o San Valentín en diferentes partes do mundo

Flores polo día de San Valentín (Foto: Eduardo Briones / Europa Press).
A Igrexa católica recuperou a historia de San Valentín e institucionalizou a súa celebración o día 14 de febreiro no século V.
  1. Guatemala
  2. Filipinas
  3. Finlandia e Estonia
  4. Bulgaria
  5. Ghana
  6. Dinamarca e Noruega
  7. Perú
  8. Taiwán
  9. Alemaña

Século III, unha época en que quen se alistaba no exército tiña prohibido contraer matrimonio, baixo a crenza de que así gozarían de mellor desempeño no campo de batalla.

Foi nese escenario e baixo esas regras que un coñecido sacerdote chamado Valentín se atrevía a unir as parellas namoradas, o que eventualmente lle custou unha condena morte.

200 anos despois, a finais do Século V, a Igrexa católica recuperou a historia de San Valentín e institucionalizou a súa celebración o día 14 de febreiro. A partir de entón, comezou a asociarse o mito do amor romántico á figura e mito de San Valentín, converténdoo nun defensor e patrón dos namorados.

Co tempo, a celebración erixiuse como unha das datas máis consumistas do ano, mutando en fito comercial de alcance global, grazas á compra masiva de agasallos e as citas románticas que se organizan.

Se ben neste curruncho do mundo o ‘normal’ é regalar flores, artigos con forma de corazón, tarxetas, perfumes, peluches, bombóns, ou candeas, nalgunhas partes do mundo, o acontecemento festéxase de maneiras bastantes singulares. Eis algunhas delas:

Guatemala

En Guatemala recoñécese como o ‘Día do Cariño’ e non só se festexa o romance, senón tamén o amor pola familia, as amizades e os compañeiros de traballo.

Un colorido Desfile do Vello Amor, no cal participan a ciaddanía de máis idade do país, ten lugar cada ano na capital como parte das celebracións.

Filipinas

Desde hai varios anos, en Filipinas, os 14 de febreiro ofícianse celebracións de matrimonio multitudinarias nas cales centos de parellas aproveitan para casar ao unísono, compartindo o momento con outros namorados, nunha peculiar interpretación da tradición romántica.

Finlandia e Estonia

Non tes parella? Entón este é o mellor lugar para pasares o 14 de febreiro, pois en Finlandia a festa denomínase ‘Día do amigo’ e celébrase con esas persoas. A flor oficial é a rosa de cor rosa, pero tamén se regalan tarxetas ou doces.

Os estonianos, igualmente, fan gala do amor e a amizade, coa particularidade de que dispoñen para os solteiros e solteiras do ‘autobús do amor’ ao que poden subirse de forma gratuíta para encontrar parella.

Bulgaria

O Día dos enólogos, como se celebra o 14 de febreiro, é unha tradición proveniente da celebración pagá en honra a San Trifon Zarezan, patrón do viño, que consiste en ir aos viñedos para participar nun ritual, antes de coroar o mellor enólogo presente. Na actualidade mestúranse ambos os festexos.

Ghana

Este país africano é un dos principais produtores de cacao do mundo, o Día do Amor converteuse no día do chocolate, unha festa que pretende promulgar as bondades do produto e fomentar o seu consumo.

Dinamarca e Noruega

Quizais unha das tradicións máis polémicas do 14 de febreiro dáse nestes dous países. Neles, os homes envían divertidos poemas anónimos ás mulleres. Os chamados gaekkebrev. Estes asínanse anonimamente con puntos -tantos como letras ten o nome do autor- e se a persoa que o recibe adiviña o nome, recibe posteriormente un ovo de Pascua. Esta tradición ten sido cualificada nos últimos tempos de machista.

Perú

Debido ás celebracións de entroido, a maioría dos peruanos teñen o día 14 como feriado, polo que poden dedicar máis tempo á festividade. Unha peculiaridade do país suramericano é que en lugar de regalar rosas, moitos optan polas orquídeas nativas. Así mesmo, organízanse vodas colectivas.

Taiwán

A rosa pode considerarse a flor por excelencia de San Valentín, pero neste país asiático a cantidade é o realmente importante: regalar unha rosa tradúcese como “es o meu único amor”; 11 significan “es a miña persoa favorita”; 99 transmiten que o amor é para sempre e 108 rosas acompañan unha proposta de matrimonio.

Alemaña

O porco representa a sorte no país xermánico, polo cal moitos alemáns recorren a regalar chocolates ou outros obxectos coa forma do cuadrúpedo, tendo moi en conta a postura en que están representados, pois en dependencia desta o significado varía de sorte a luxuria.